A Apehl continúa coa campaña de promoción gastroturística de “… e para comer, Lugo” na Vuelta Ciclista a España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

Un ano máis, e xa van cinco, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo fará promoción da provincia como destino turístico e gastronómico na Vuelta Ciclista a España, que comeza mañá na cidade de Ourense e que se estenderá ata o vindeiro 11 de setembro.

O posto de … E para comer, Lugo estará presente na zona VIP de todas as saídas de etapa desta 71.ª edición da competición deportiva. Nel ofreceranse a diario degustacións de produtos autóctonos facilitados de xeito altruísta polos consellos reguladores da DO Ribeira Sacra, IXP Ternera Gallega, DOP QueixoArzúa-Ulloa, DOP Queixo do Cebreiro, IXP Pataca de Galicia, IXP Castaña de Galicia, IXP Grelos de Galicia, IXP Pemento de Mougán, IXP Mel de Galicia, IXP Fabas de Lourenzá e Agricultura Ecolóxica de Galicia, así como porAvimós, Asovega, Armadores de Burela, Galletas Daveiga e Afapán. Ademais, distribuiranse exemplares da nova guía …E para comer, Lugo.

Ademais, nas etapas de Viveiro (24 de agosto) e de Monforte de Lemos (25 de agosto) participarán varios establecementos hostaleiros da provincia que achegarán, de maneira gratuíta, distintas propostas gastronómicas en forma de tapas e pizzas elaboradas con produtos locais.

En Monforte estarán presentes Edulis, Merenzao, Mon Come y Sueña e Plaza. O público que pase polo posto de … E para comer, Lugo ese día tamén poderá degustar un cóctel de castañas e mais un café de pota elaborado polo barista de Chantada Damián Nova Seijas. En Viveiro colaborarán o restaurante Esencia, de Lugo, e mais os viveirenses Boavista e Galipizza.

Como vén sendo habitual, a Apehl enviará aos medios, periodicamente, fotos e información do seu paso por La Vuelta, que tamén se poderá seguir en www.eparacomerlugo.es e nos seus perfís de Facebook e Twitter.

 

19 de agosto de 2016 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.