Xunta e Concello de Redondela asinan o acordo para crear unha bolsa de vivendas sociais cos inmobles desocupados

Ethel Vázquez na sinatura do convenio co concello de Redondela
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Redondela, Javier Bas, un acordo para crear unha bolsa de vivendas sociais cos inmobles desocupados desta localidade pontevedresa, polo que é este municipio pequeno é o primeiro que se suma a esta medida do Executivo autonómico e o segundo de toda Galicia.
Vázquez Mourelle destacou que Redondela foi un dos primeiros municipios en solicitar a súa adhesión ao programa de Vivendas Baleiras da Xunta, “logo de que o 3 de maio asinaramos coa FEGAMP o convenio para o seu desenvolvemento”. “Este acordo é froito do compromiso e o interese das dúas administracións por facilitar o acceso a unha vivenda a aquelas persoas e colectivos que, por circunstancias económicas, persoas ou familiares, se atopan en situación de maior vulnerabilidade”, dixo.
Ethel Vázquez explicou que este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer -de 300 €-, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios. En todo caso, “trátase de que o alugueiro resulte atractivo e de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario”.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda destacou que as vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, “xa que financiamos: un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e unha tranquilidade aos arrendatarios, uns seguros que ofrecen garantías e blindan ao propietario”.
Reunión co Concello de Vigo
Vázquez insistiu en que “o Goberno galego e o Concello de Redondela pretende “protexer o dereito constitucional a unha vivenda”” e engadiu en que “é moi importante que todos os municipios da área de Vigo sigan o exemplo de Redondela e colaboren, posto que a capital olívica é a cidade de Galicia que rexistra maior número de desafiuzamentos”.
Neste momento, todas as vivendas da Xunta nesta cidade están ocupadas por persoas que necesitan especial atención e, “mentres, o Concello de Vigo parece que non ten interese en colaborar nin en ofrecerlle aos seus veciños solucións, xa que ten pisos da súa propiedade desocupados que non destina a alugueiro social, ademais rexeita sumarse ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta, para protexer o dereito á vivenda dos cidadáns o que propiciou que a Valedora do Pobo se teña dirixido ao Concello instándoo a “valorar a conveniencia” de sumarse a este programa da Xunta”.
Ethel Vázquez insistiu en que é imprescindible que o Concello “medite a súa decisión, porque supoño que non entendeu ben o Programa de Vivenda Baleiras, nin tampouco o obxectivo que pretende, que é axudar ás familias que máis o necesitan”.
A responsable de Vivenda invitou ao alcalde de Vigo a reunirse coa Xunta co fin de detallarlle os pormenores desta iniciativa ou a que fale cos alcaldes veciños, como o de Redondela, o de Gondomar ou o de Ponteareas que se suman a este programa, para que lle expliquen as condicións e a finalidade desta iniciativa, xa que pola nosa parte, estamos a poñer todos os medios ao noso alcance para loitar contra os desafiuzamentos”.
Vázquez Mourelle subliñou que se trata “dun paquete de actuacións que a Valedora do Pobo, no seu informe de 2015, recoñece, polo que imos seguir traballando, porque mentres haxa unha soa familia en risco de perder o seu fogar non nos imos dar por satisfeitos, pero necesitamos que os concellos colaboren para dar solución aos afectados”.
Neste momento, son 36 os concellos de Galicia xa teñen solicitado formalmente a súa adhesión, 4 deles da área de Vigo e outros 19 pediron información previa.
O Programa de Vivendas Baleiras procura unha utilización máis racional do parque de vivendas existente na comunidade, posto que rescata os inmobles desocupados para poder destinalos a alugueiro social, ofrece garantías aos arrendatarios e o máis importante, achega solucións ás persoas e familias en risco de perder o seu fogar.











