publicidade hoxe

Xunta e Concello de Ares asinan o convenio de adhesión ao Programa de vivendas baleiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAres
A-
A+
Ethel Vázquez na sinatura do convenio co Concello de Ares

Ethel Vázquez na sinatura do convenio co Concello de Ares

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Ares, Julio Iglesias, o convenio para a adhesión deste concello ao Programa de vivendas baleiras, para destinar os inmobles desocupados a familias en dificultades.

O obxectivo prioritario é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando os inmobles que voluntariamente acheguen organismos, particulares e empresas e que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais.

O Concello de Ares solicitou a súa adhesión ao Programa de vivendas baleiras da Xunta, logo de que o 3 de maio asinaramos coa Fegamp o convenio para o seu desenvolvemento.
Hoxe Ares convértese no primeiro concello da área da Ferrol que se suma a esta iniciativa da Xunta, á que proximamente se sumará tamén Mugardos, que onte mesmo celebraba unha reunión técnica para este fin co Instituto Galego da Vivenda e Solo.

A conselleira fixo un chamamento ao resto de municipios da área de Ferrol para que se incorporen ao Programa de vivendas baleiras. Destacou que son as grandes cidades onde se rexistra maior número de desafiuzamentos e de familias que precisan dun fogar, polo que celebraría que o alcalde de Ferrol selase a adhesión a esta iniciativa que ofrece ‘solucións reais a problemas reais’ en materia de vivenda.

Vázquez Mourelle explicou que a día de hoxe son xa 8 os municipios de Galicia que forman parte do programa, dado que os primeiros en sumarse foron Ourense e Redondela. Na actualidade, 41 concellos de Galicia xa teñen solicitado formalmente a súa adhesión: 17 da provincia da Coruña, entres eles os 6 que xa teñen asinado este acordo.

Solucións e garantías

Este convenio fixa un prezo máximo da renda do alugueiro –de 300 euros–, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

A conselleira indicou que se trata de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta de Galicia.

As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se financia un seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.

Estes seguros ofrecen garantías e blindan ao propietario, xa que ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias está totalmente asegurado e tamén se evitarían problemas como os que teñen traslado distintos colectivos sociais, polas dificultades de atopar propietarios dispostos a alugar un piso a familias en dificultades.

O Programa de vivendas baleiras procura, polo tanto, unha utilización máis racional do parque de vivendas existente na Comunidade, xa que mobiliza os inmobles desocupados para poder destinalos a alugueiro social; ofrece garantías aos arrendatarios; e achega solucións ás familias en risco de perder o seu fogar.

27 de xullo de 2016 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.