VIII edición do ciclo Noites de Música Antiga
A VIII edición do ciclo Noites de Música Antiga, que comezará mañá martes, celebrarase na igrexa parroquial de San Bartolomeu. Trátase de tres concertos en tres días consecutivos, de martes a xoves, que darán comezo ás 21:30 horas e cuxa entrada será de balde ata completar aforo. Nesta edición, o ciclo tampouco pode celebrarse nas Ruínas de San Domingos debido a que aínda non remataron as obras de consolidación no rosetón].
O primeiro dos concertos correrá a cargo do clavecista Andrés Alberto Gómez, profesor de clave e baixo continuo no Conservatorio de Música de Murcia e cuxo disco interpretando as Variacións Goldberg de J. S. Bach recibiu cinco musas na revista francesa Muse Baroque e a “E” de disco excepcional que outorga a revista Scherzo ás mellores gravacións. As súas actuacións como solista e continuista abarcan lugares como Españá, Italia, Francia, Bélxica, Suíza, Holanda, Noruega, Grecia, Alemaña, Eslovenia, Polonia e Lituania. Andrés Alberto Gómez iniciouse no estudo do clave cos profesores do Conservatorio Italiano de París, Salvo Romeo e Patricio Pizarro. Ampliou a súa formación con músicos como Jan Willen Jansen, Tony Millán, Yves Recgsteiner ou Huguette Dreyfuss. Rematou os seus estudos de clave e música antiga no Real Conservatorio da Haia (Holanda) e na Escola Superior de Música de Cataluña. Ten realizado gravacións para distintos medios como a Radio Holandesa, a Radiotelevisión Eslovena, WDR 3, Radio Cataluña, e diversos selos discográficos.
O mércores 6 de xullo será a quenda do grupo La Bellemont, que chega co disco Plaisir sacré, dedicado aos motetes de François Couperin. Este traballo foi galardoado co R (recomendado) da revista Ritmo, co “Melómano de oro” da revista Melómano e co “E” (excepcional) da revista Scherzo. Plaisir sacré foi ademais nomeado como mellor disco vocal francés 2015 nos ICMA (International Classical Music Awards). La Bellemont foi aclamado como mellor grupo barroco na primeira e segunda edición dos premios GEMA (Asociación de grupos españois de música antiga). En 2017 sairá á luz o seu novo proxecto discográfico dedicado ás Piéces de viole de François Couperin pechando así unha triloxía discográfica que vira ao redor da música barroca francesa. En 2017, La Bellemont tamén ten previsto embarcarse en varios proxectos dedicados á música barroca alemá, centrándose na música de Johann Sebastian Bach e na súa contorna.
O gurpo nace no ano 2007 da unión de Sara Ruiz, Rafael Muñoz e Laura Porto, tres músicos fascinados polo repertorio barroco francés. Marcados pola procura dun son con identidade, un xesto e unha articulación conxuntos, os músicos de La Bellemont concretan esta filosofía camerística co seu primeiro disco La voix de la viole, un programa dedicado á música para viola da gamba e baixo continuo de Marin Marais. A crítica especializada outorga a este disco cinco diapasóns (revista Diapason) e as catro estrelas da revista Classica.
O xoves 7 de abril pecha o ciclo o concerto que ofrecerá o grupo Gallaecia Antiqva, especializado na interpretación de música antiga. Pola súa formación, na que interveñen traverso, violín barroco, viola da gamba e violoncello barroco, non é unha formación habitual na instrumentación do mundo barroco. Nesta ocasión Gallaecia Antiqva ofrece un programa dedicado ao convulso mundo prerrevolucionario francés cun programa realmente infrecuente de autores na súa maioría moi pouco coñecidos polo gran público.











