Vigo terá unha nova lei da área metropolitana co apoio da Cámara

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Europa Press

Todos os grupos con representación na Cámara galega avanzaron que votarán favorablemente á nova lei da área metropolitana coa que se dotará Vigo. Incluso AGE, que se abstivo no trámite parlamentario previo no Pazo do Hórreo, avanzou o ‘si’ tras o “avance do PP” ao aceptar unha das súas emendas sobre cohesión territorial e social.

Así as cousas, á espera da votación definitiva, que queda pendente ata que finalice o debate de todos os textos lexislativos que incorpora esta sesión, está previsto que PPdeG, PSdeG, AGE, BNG e Grupo Mixto apoien un texto cuxo “consenso” nace -remarcaron os distintos grupos- do ámbito local e do traballo dos 14 concellos que integran a área.

Con “pasos adiante” en cuestións como a gobernanza e o transporte metropolitano, o debate das emendas transcorreu con normalidade, aínda que si confrontaron con dureza o portavoz do PSdeG no debate, Abel Losada, e o parlamentario popular Javier Dorado.

E é que o primeiro botou en cara ao PPdeG “impor” unha norma previa que aspiraba a “gobernar Vigo desde fóra” e só cambiar de actitude tras o “aviso” recibido nas urnas nas últimas eleccións municipais, cando os vigueses decidiron incrementar o seu apoio ao alcalde, Abel Caballero, “cun 17-7” (17 edís socialistas por sete populares).

Fronte a iso, Dorado reivindicou o traballo conxunto e, tras criticar que Losada “aproveitase” este debate para buscar un oco “na lista” do PSdeG para as autonómicas “gañando méritos ante o seu amado líder” (en alusión a Caballero, presente no hemiciclo), ironizou coas “medallas” que pode “colgarse” o PSOE -lendo titulares críticos de membros do partido sobre a área-.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo uso da quenda de peche ao que pode optar o Goberno tras o debate para remarcar que este é “un día para celebrar”, apelar a que o “espírito de consenso” continúe para pór en marcha a área metropolitana e lanzar un aviso ao PSdeG, que a correlación na Cámara é “41-18” (41 deputados do PP e 18 do PSdeG).

12 de xullo de 2016 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.