Uns 280 rapaces de Eso e Bacharelato benefícianse de xullo de estadías de inmersión lingüística no CRD de Vigo
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá aos rapaces beneficiados do Programa de Estadías de Inmersión Lingüística da Administración Autonómica no Centro Residencial Docente (CRD) de Vigo. Durante a súa visita estivo acompañado polo director do centro, Luis Sanmartín, e por responsables da iniciativa.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de por en marcha, coma todos os anos, estas estadías de inmersión lingüística dirixidas a alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato. Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras e desenvólvese, durante este verán, nos CRD da Coruña e Vigo e no Centro de Excelencia dos Peares.
Este ano foron ofertadas pola Xunta de Galicia un total de 682 prazas para estudantes da comunidade, das cales 280 se levan a cabo no CRD de Vigo. Concretamente, na cidade olívica están sendo beneficiados estudantes de 1º e 4º da ESO que realizarán a súa estadía en dúas quendas de dúas semanas cada unha. Hoxe, o delegado visitou aos primeiros 190 rapaces que, dende o 3 e ata o día de mañá, 16 de xullo, se atopan no centro. A segunda quenda de rapaces, un total de 90, realizarán o programa do 17 ao 30 de xullo.
Coma comprobou o delegado no transcurso da visita, os obxectivos do programa pasan porque o alumnado desenvolva a súa comunicación en inglés nun contorno real ademais de complementar a súa formación con actividades culturais e lúdicas. Os alumnos e alumnas están a recibir docencia por parte dun profesorado nativo inglés -15 monitores- que promove a súa estimulación na utilización do idioma estranxeiro en contextos comunicativos mais amplos dos que permite o ámbito escolar. López-Chaves valorou así a importancia desta iniciativa que promove a Xunta cada ano para a educación en idiomas estranxeiros dos alumnos e alumnas galegos.











