Unha vítima dos secuestradores de esmoleiros di que lle pegaban con paus
Unha das vítimas dos catro acusados de secuestrar e esclavizar a esmoleiros na Coruña asegurou que estaba alí “obrigado” polos procesados, quen o ameazaban e pegaban con “paus e táboas”.
A Audiencia Provincial da Coruña acolleu este venres a segunda sesión de xuízo contra catro persoas, con relacións familiares entre si, acusadas de varios delitos de tratos degradantes, trata de seres humanos, condicións laborais abusivas, detención ilegal, lesións e estafa. Para eles, a Fiscalía pide penas que superan os 50 anos de prisión.
Na súa declaración, este home explicou que coñeceu aos acusados en Portugal e que veu a España porque lle dixeron que lle darían traballo”. Unha vez aquí, descubriu en que ía traballar e as condicións nas que ía vivir. “Eu non sabía exactamente en que ía traballar, algo de vender globos”, dixo.
Esta testemuña comentou que viviu nunha especie de “barracón” na conserveira Celta e, despois, nunha caravana nunha leira no municipio de Culleredo. Asegura que só lle pagaron cinco euros nunha ocasión.
Ante o tribunal, recoñeceu que en varias ocasións os procesados chegáronlle a pegar “con paus e táboas” e que o ameazaban” con pegarlle se fuxía de onde estaba.
FEITOS
Polo menos desde 2011, e até xaneiro de 2015, cando a Policía Nacional liberou ás vítimas, os procesados dedicábanse a localizar a persoas “en situacións de indixencia, con graves necesidades económicas, enfermidades ou problemas de tipo mental” para roubarlles as súas pensións e obrigalas a mendigar e a axudalas en diferentes tarefas.
Por estes feitos, a Fiscalía solicita que sexan condenados a 91, 83, 56 e 55 anos de cárcere.











