Un total de 120 xóvenes poderán participar no campo de traballo das Illas Cíes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Rey Varela e Mato xunto aos participantes no campo de traballo

Rey Varela e Mato xunto aos participantes no campo de traballo

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitaron hoxe o Campo de Traballo Internacional nas Illas Cíes no que 30 mozos voluntarios de entre 18 e 30 anos de Galicia, do resto de España e de varios países do mundo están a realizar tarefas ambientais de mantemento da illa, información aos visitantes e intervencións puntuais de mellora no parque. Alí, o conselleiro de Política Social destacou o arquipélago das Illas Cíes como “o mellor lugar do mundo no que levar a cabo a nosa Campaña de Verán, que este ano bate todos os récords”. “Durante este tempo, as Illas Cíes converteranse nun espazo de encontro internacional e de traballo ambiental que fortalecerán a imaxe do arquipélago como patrimonio universal de todo o mundo”, engadiu.

Neste sentido, o responsable da área social do Goberno galego destacou a Campaña de Verán do presente ano polo seu carácter “ambicioso e inclusivo”. En total ofértanse 9.046 prazas ofertadas cun investimento superior aos 2,6 millóns de euros, o que representa un incremento do 6% en prazas e do 9% en orzamento con respecto a 2015. Ademais, para os nenos con discapacidade ou situacións familiares complicadas aumentaranse as prazas nun 12% ata chegar ás 305.

Así tamén, o titular de Política Social fixo referencia á oferta de campos de traballo que “medrará un 21% ata acadar 588 prazas en 24 campos de traballo ás que cómpre sumar as 370 prazas de fóra de Galicia”. Os campos de traballo fomentan a convivencia, a participación e a solidariedade a través de actividades levadas a cabo en distintas CCAA e outros países como Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, puxo en valor a relevancia da educación non formal de cara a avanzar na concienciación e sensibilización da sociedade en materia medioambiental, un camiño “no que temos avanzado moito, pero no que aínda hai moito traballo por facer”. Ao respecto, recordou que hai un mes asinouse un convenio con Política Social para desenvolver campos de traballo e programas de voluntariado ambiental a desenvolver nos parques naturais galegos e no parque nacional.

“Coñecer o noso patrimonio é un paso importante para acadar a protección que desexamos”, subliñou. De feito, o Parque Nacional das Illas Atlánticas –conformado polas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada e que constitúe un dos 15 espazos españois que contan coa denominación de Parque Nacional- “é cada día máis visitado, coñecido e valorado polos galegos”. Neste sentido, lembrou que o ano pasado no Parque Nacional rozouse a cifra dos 400.000 visitantes, que este ano se espera superar grazas a riqueza propia do espazo, así como a outras iniciativas como a nova programación de actividades Starlight.

Campo de traballo Cíes

O campo de traballo Illas Cíes ofrece catro quendas de 30 prazas e doce días cada unha, desde o 1 de xullo ao 28 de agosto. Na quenda actual do 15 ao 26 de xullo participan 13 voluntarios galegos, 10 voluntarios españois doutras comunidades (2 participantes de Zaragoza, 1 de Burgos, 2 de Madrid, 2 vascos , 1 de Logroño e 2 de Melilla) e 7 voluntarios estranxeiros (1 de Turquía, 1 da República Checa, 1 de Italia, 2 de Alemaña e 2 de Francia).

Neste tempo os participantes realizan labores de mantemento da illa, vixilancia de incendios, información e sensibilización dos visitantes e intervencións puntuais de mellora no parque. Cómpre destacar neste campo de traballo, programas como BIOespazo, no que un grupo de traballo encárgase dos coidados dos diferentes espazos do arquipélago; ConcienciaCIES, tarefas de dinamización a través da información e a formación aos visitantes; ou ECOnature, no que se desenvolven traballos de recuperación medioambiental, erradicación de especies invasoras, preparación da terra para uso forestal ou recollida de cabichas.

22 de xullo de 2016 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.