Un pai e o seu fillo sofren queimaduras nun incendio declarado no seu domicilio na Coruña
Dúas persoas, un pai e o seu fillo, resultaron afectadas por queimaduras nas mans por mor dun incendio iniciado na cociña do seu domicilio na Coruña. Segundo a información do CAE-112 Galicia, o lume iniciouse sobre as 20,30 horas do mércores na cociña dun apartamento situado no número 119 da Avenida de Finisterre, na Coruña.
Até o lugar desprazáronse efectivos dos Bombeiros da cidade e axentes da Policía Local. As chamas causaron danos importantes nos electrodomésticos e a vivenda encheuse de fume. Unha ambulancia do 061, que tamén foi mobilizada, trasladou aos dous afectados, con queimaduras nas mans, ao Complexo Hospitalario da Coruña.











