publicidade hoxe

Un campo de traballo dedicado ao audiovisual galego acolle en Celanova a 20 xóvenes de distintas nacionalidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanova
A-
A+
Marisol Díaz na visita ao campo de traballo

Marisol Díaz na visita ao campo de traballo

Os 20 mozos e mozas que están a participar no campo de traballo cultura que se está a celebrar en Celanova do 15 ao 26 de xullo adquirirán os coñecementos básicos para poder levar a cabo un audiovisual. Os voluntarios que toman parte nesta iniciativa dedicada ao audiovisual galego proveñen de Galicia, doutras comunidades autónomas, e de Italia, Rusia e Turquía.

A delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe este campo e coñeceu de primeira man as actividades que se están a desenvolver no mesmo. Os participantes nesta iniciativa están a gravar unha curtametraxe baseado no poema de Curros Enríquez titulado “As cartas”. O obxectivo é dar a coñecer aos mozos e mozas os diversos aspectos formativos do audiovisual: dende a redacción do guión ata, mesmo, os principios de interpretación, pasando loxicamente pola produción, a posprodución ou a rodaxe dunha curta, dun documental, dun anuncio publicitario ou dun espazo de animación por stop-motion.

Díaz Mouteira destacou a importancia dos campos de traballo dado que promoven accións voluntarias, a participación da xuventude na sociedade e a mobilidade, ademais de ser unhas “excelentes ferramentas” de educación non formal.

Un total de catro concellos da provincia de Ourense –Celanova, Muíños, A Peroxa e Vilamarín- contan este verán con campos de traballo organizados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e que ofertan 85 prazas destinadas aos mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.

Este ano os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos campos de traballo. Destas prazas, 120 son para campos noutras comunidades autónomas, 250 para campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para campos en Galicia. Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo.

Campaña de verán 2016

A delegada territorial lembrou que os campos de traballo enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e que este ano conta cun un orzamento de 2,6 millóns de euros. “Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.046 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado”, explicou Díaz Mouteira. Concretamente na provincia de Ourense ofértanse 960 prazas: 85 destinadas a campos de traballo, 715 a campamentos, e 60 nas actividades de ocio e tempo libre para a mocidade.

22 de xullo de 2016 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.