Turismo de Galicia promove o Camiño de Santiago e a súa gastronomía en Chicago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

Turismo de Galicia promoverá o Camiño de Santiago e a súa gastronomía en Chicago a través da labor de cinco xornalistas que estes días visitan a nosa Comunidade nunha viaxe organizada polo departamento autonómico e que foron recibidos pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Os convidados son xornalistas freelance que traballan para diversos medios de comunicación de referencia na cidade estadounidense e estarán en terras galegas ata o vindeiro luns, 11 de xullo, co obxectivo de coñecer o Camiño de Santiago e a súa gastronomía.

Visitarán os lugares máis representativos e as construcións arquitectónicas máis emblemáticas do Camiño Francés, do Camiño Portugués e do Camiño de Fisterra a Muxía e, por suposto, a cidade de Compostela. Ademais, ao longo de todos os traxectos poderán degustar a gastronomía máis representativa de cada zona para que coñezan e divulguen a riqueza culinaria de Galicia, ademais do compoñente cultural, histórico e de natureza.

Na xornada de hoxe e na de mañá realizarán un percorrido polo Camiño Francés e achegaranse a lugares como o poboado e museo etnográfico do Cebreiro, a Triacastela, ao mosteiro de Samos, ao casco histórico e á fortaleza de Sarria ou a Portomarín.

Tamén se achegarán a Palas de Rei para visitar o Castelo de Pambre, a Queixería na que se produce a denominación de orixe Arzúa – Ulloa e o famoso queixo de tetilla e o mosteiro de Vilar de Donas. A continuación dirixiranse a Melide, Arzúa, O Pino e Santiago, cidade esta última á que dedicarán tamén toda a xornada seguinte.

Camiños Portugués e de Fisterra a Muxía

O sábado disporanse a realizar un itinerario polo Camiño Portugués, visitando Pontevedra, Vigo, Baiona, Tui, O Porriño e Redondela. Entre outros puntos de interese verán o Parador Nacional de Baiona, a réplica da carabela Pinta e o castro celta de Santa Tegra. Así mesmo, realizarán unha visita a unha bodega da denominación de orixe Rías Baixas para dar a coñecer o potencial enolóxico de Galicia.

Na última xornada antes de volver a Chicago, os xornalistas percorrerán lugares do Camiño Fisterra – Muxía como Fisterra, Muros, Carnota e Muxía para coñecer, respectivamente, o Faro da fin da terra, o Pazo do Cotón, o salto do Ézaro e un dos hórreos máis grande de Galicia, entre outros.

6 de xullo de 2016 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.