Rueda ratifica o compromiso coa educación durante unha visita ao CEP Campolongo, no que se investirán máis de 400.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Rueda na visita ao CEP Campolongo

Rueda na visita ao CEP Campolongo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou hoxe o compromiso do Goberno galego cos centros educativos galegos no marco dunha visita ao CEP Campolongo, en Pontevedra, onde indicou que a Xunta ten aprobado un investimento de 400.000 euros para levar a cabo unha reforma integral da envolvente do edificio e mellorar así a eficiencia enerxética do centro.

Rueda, quen realizou a visita xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director xeral de Centros, José Manuel Pinal, explicou que esta mellora está inscrita nun plan de actuación conxunto en todo o territorio galego, aprobado polo Goberno galego co obxectivo de mellorar as infraestruturas educativas galegas.

A Xunta duplicou estes fondos para centros educativos, ata os 39,7 millóns de euros, grazas aos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade. Esta partida suma 20 millóns á cifra xa prevista no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020 e permitirá executar con carácter inmediato obras necesarias como esta do CEP Campolongo en arredor de 400 centros de toda Galicia. Concretamente, o investimento que se realizará este ano ao abeiro destes dous fondos nos centros da cidade de Pontevedra ascenderá a máis de 1,4 millóns de euros.

CEP Campolongo

O centro conta con aproximadamente 550 alumnos, que se verán beneficiados por este proxecto de reforma. A Xunta prevé licitar nas vindeiras semanas a actuación, que inclúe substitución das carpinterías orixinais do edificio por outras de aluminio, a colocación de cristais dobres nas ventás, a substitución de persianas de aluminio con illamento térmico, así como de toda a iluminación do centro a base de luminarias LED. Ademais, mellorarase a instalación da calefacción e inxectarase illamento térmico na fachada, entre outras actuacións.

8 de xullo de 2016 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.