Rueda non ve falta de respeto en que Ana Pastor non acudise á reunión coas vítimas de Angrois
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, non ve falta de respecto en que Ana Pastor non acudise á reunión do martes á que convocara as vítimas de Angrois, unha vez que pola mañá dese día deixara de ser ministra de Fomento en funcións para converterse en presidenta do Congreso.
O martes Pastor deu plantón ás vítimas do Alvia ás que convocara tras unha petición por carta dos afectados a raíz do informe de Bruxelas que conclúe que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) non foi independente na súa investigación sobre o sinistro no que faleceron 80 persoas e houbo máis dun centenar de feridos en 2013, polo que critican á xa exministra por “covarde”, que “fuxiu e non quixo dar a cara”.
A preguntas da prensa este mércores sobre esta cuestión, Rueda xustificou que a reunión estaba convocada con anterioridade, pero Ana Pastor dende a mañá do martes “non era titular do Ministerio de Fomento”, senón presidenta do Congreso e, “polo tanto, o lóxico é que estivese a facer as súas funcións como presidenta do Congreso”.
Así, Rueda defendeu que a reunión se mantivo e nela estaban “os máximos responsables do Ministerio de Fomento”, “non sendo a ministra que xa non era titular e o outro ministro (Rafael Catalá), que levaba os temas en funcións, pero que realmente non era o titular da carteira”.
Ao respecto, o vicepresidente da Xunta dixo que “respetando a posición das vítimas” considera que “os máximos responsables” de Fomento estaban alí para “escoitar” os afectados, aínda que “ao final decidiron entregar unha documentación cunha serie de reivindicacións, pero non alongar máis a reunión”.
“Supoño que a ministra cando convocou esta reunión non pensaba que cando se fose a producir esta reunión ela xa non fóra ministra”, sostivo Rueda.











