publicidade hoxe

Román Rodríguez visita o CEIP de Chancelas de Poio no que se investirán máis de 380.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoio
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao CEIP de Chancelas de Poio

Román Rodríguez na visita ao CEIP de Chancelas de Poio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou o forte investimento que vai a realizar este ano o seu departamento no CEIP Plurilingüe de Chancelas, en Poio, ao que se destinarán 382.345 euros para acometer unha rehabilitación integral, tanto enerxética como funcional, do centro. Esta actuación enmárcase, tal e como explicou durante a súa visita ao colexio, dentro das reformas de eficiencia enerxética que se executarán na provincia para mellorar o estado e habitabilidade dos centros e garantir o conforto do alumnado.

Deste xeito, e a maiores deste colexio, tamén se executarán obras da mesma natureza no CEIP Plurilingüe San Roque Darbo en Cangas e no CEIP Nosa Señora da Piedade en Vila de Cruces; ámbalas tres cun orzamento superior aos 1,5 millóns de euros. En toda Galicia levaranse a cabo este 2016 un total de dez reformas integrais por un valor de 5,14 millóns de euros.

Segundo explicou o titular do departamento educativo –que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís–, a licitación destas tres obras acaba de publicarse no DOG, co cal a previsión pasa por poder comezar cos traballos a finais de agosto e rematalos nun prazo de tres meses.

Carpinterías, iluminación e falsos teitos

En concreto, a actuación centrarase nas carpinterías do edificio e na fachada, na iluminación e nos falsos teitos, dado que outras partes como a cuberta ou a caldeira xa foron obxecto de accións anteriores nos últimos anos.

Deste xeito, manteranse as cubertas, as fachadas e o chan existente, pero actuarase sobre as carpinterías, que se substituirán. Ademais, no interior das fachadas inxectarase illamento térmico. Por outro lado, cambiarase a iluminación actual co fin de mellorar a calidade da luz e mudaranse parte dos falsos teitos que presentan deficiencias, tendo en conta que no ano 2012 xa foran renovados os da zona de infantil.

Cómpre salientar, en palabras de Román Rodríguez, que a Consellería xa ten realizado importantes investimentos neste centro desde 2009. De feito, e contando esta reforma integral, o orzamento mobilizado no CEIP de Chancelas nos últimos sete anos ascende a máis de 580.000 euros.

Outras dúas actuación no concello

A maiores desta obra de eficiencia enerxética, o departamento educativo da Xunta de Galicia tamén prevé levar a cabo este ano outras dúas actuacións en centros educativos do concello de Poio, como o son o CEIP Viñas –onde se acometerá un cambio de cuberta por 60.000 euros– e o IES de Poio, no que se reformará a conserxería cun orzamento de 20.000 euros. Trátase de dúas accións posibles grazas ás partidas procedentes do Fondo do Superávit de Responsabilidade e que, engadidas á obra do CEIP de Chancelas, suman un investimento superior aos 460.000 euros no concello de Poio.

Así mesmo, e ao abeiro do propio Fondo do Superávit, do RAM (fondo de Reforma, Ampliación e Mellora) e do Plan de obras, a Consellería investirá, só ao longo deste ano, preto de 2,3 millóns de euros para mellorar os centros educativos da comarca de Pontevedra.

6 de xullo de 2016 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.