Rey Varela e Rodríguez Miranda exploran posibles camiños para fortalecer o apoio das administracións aos galegos que residen na Arxentina
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e mailo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, exploran na última data da súa viaxe a Uruguai e Arxentina posibles mecanismos para optimizar a achega de recursos á poboación galega en situación máis desfavorecida e que reside en ambas repúblicas.
“É para nós unha prioridade absoluta chegar a aquelas persoas que máis necesitan do apoio do Goberno galego, residan na Galicia territorial ou na diáspora”, asegurou o conselleiro, quen apuntou que “as comunidades galegas no exterior coñecen a realidade do país e poden facer chegar a información sobre as nosas axudas a aqueles colectivos ou individuos a quen costa acceder á mesma”.
Pola súa parte, o secretario xeral lembra que “a unidade de acción dos galegos e galegas de Arxentina ten unha vertente humanitaria que debemos manter e reforzar no futuro. A capacidade de unir vontades e conseguir grandes obxectivos tense demostrado no Buenos Aires celebra Galicia”, dixo Rodríguez Miranda en relación á gran celebración das comunidades galegas no centro da capital arxentina, que este ano acadou a súa terceira edición e na que participan decenas de milleiros de persoas, converténdose nun referente tanto para a poboación galega como para a autóctona.
Contacto directo
Co gallo de coñecer o mellor posible a situación real e actual da colectividade galega, conselleiro e secretario xeral entrevistáronse esta mañá coa presidenta da Asociación ‘Hijos de Zas’, Beatriz Carballo, quen, en representación das entidades galegas con sede na República Arxentina, saíu elixida membro da Comisión Delegada (máximo órgano de representación estable da diáspora) na undécima edición do Consello das Comunidades Galegas, celebrado hai un mes na Habana baixo a presidencia de Núñez Feijoo.
Con Carballo pulsaron as principais inquedanzas das colectividades galegas, estudaron posibles vías para mellorar e optimizar a importante achega de recursos da Administración galega á diáspora na Arxentina, e tamén exploraron camiños para potenciar e reforzar a unidade entre as e os galegos residentes no país.
Despois, Rey Varela e Rodríguez Miranda mantiveron unha nova xuntanza cos mesmos obxectivos na sede da Consellería de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España na República Arxentina, co seu titular, Santiago Camba. Os tres mandatarios falaron de diversos aspectos para unha mellor e maior coordinación entre as administracións central e autonómica, e tamén entre elas e as colectividades e individuos galegos e españois residentes no país.
74% de segundas xeracións
Segundo os datos do Padrón de Españois Residentes no Exterior do Instituto Nacional de Estatística, a 1 de xaneiro de 2016 residían na República Arxentina un total de 170.645 galegas e galegos, dos que 126.409 xa naceron na diáspora (o 74’07 por cento do total).
“A presenza de Galicia en tódolos lugares onde se ten asentado a diáspora a través destas segundas xeracións, que nalgún caso senten a terra con igual o maior sentido de pertenza cá dos seus pais, é un activo importantísimo para o noso país, que podemos e debemos aproveitar para o progreso de todas e todos”, afirma o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.











