publicidade hoxe

Redondela acolle a mostra “Mulleres en acción: Violencia zero”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraRedondela
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e do alcalde de Redondela, Javier Bas, inaugurou hoxe nesta vila pontevedresa a exposición itinerante impulsada pola institución provincial “Mulleres en acción: Violencia Zero”, que dende hoxe e ata o vindeiro 31 de xullo pode verse na Casa de Cultura.

A mostra recolle os resultados da acción artística contemporánea do proxecto, desenvolvido simultaneamente o pasado 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, por artistas galegas en 10 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis).

O obxectivo da exposición é fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica fronte á violencia machista, buscando ademais unha implicación real na loita contra esta lacra, que este ano xa provocou a morte de 22 mulleres en toda España, unha delas en Galicia, e 12 menores orfos. Dende o organismo provincial, e a través desta mostra e doutras iniciativas, preténdese ademais insistir na necesidade de comezar esta loita contra a violencia de xénero entre as xeracións máis novas.

Carmen Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova foron as encargadas de darlle corpo a “Mulleres en acción: Violencia Zero”, con diferentes recreacións artísticas o pasado 25N. Todas elas son novas artistas galegas, polo que a través desta iniciativa tamén se visibiliza o seu traballo, achegando así a arte contemporánea ás rúas a través do diálogo con todos os públicos e incentivando ao mesmo tempo a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.

Ánxela Blanco foi a artista que o 25 de novembro montou a súa creación en Redondela baixo o título “Penélopes”, montando unha escenografía inspirada na figura de Penélope para simbolizar a ruptura coa imaxe dunha muller sumisa e carente de destino propio, sempre pendente dunha figura masculina.

“Mulleres en acción. Violencia Zero” está a percorrer os concellos nos que se desenvolveu o proxecto para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención na actual problemática da violencia machista. A exposición, que xa se mostrou nos concellos de Pontevedra, Tomiño, Lalín, Tui e Caldas, poderase ver en Redondela a partir de hoxe e ata o 31 de xullo. En agosto chegará a Vilagarcía de Arousa, en setembro a Cangas, en outubro a Moaña e, finalmente, en novembro ao concello de Vigo.

6 de xullo de 2016 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.