Recoñecidos nomes do mundo da cultura compoñen os xurados das bolsas de estudos artísticos da Deputación da Coruña
Profesionais con recoñecemento no ámbito das artes plásticas, a danza, a imaxe, a interpretación e a música compoñen os xurados para as bolsas para o perfeccionamento de estudos artísticos que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña. Este martes fixeron a súa primeira xuntanza e convocaron as probas para os días 11 e 18 de xullo.
A responsábel da área de Cultura e vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, presidiu a xuntanza dos distintos xurados que decidirán os nomes das persoas que gozarán das bolsas para o perfeccionamento en artes plásticas, danza, imaxe, interpretación e música. Os xurados convocaron para o vindeiro 11 de xullo as probas da área de Danza –que terán lugar a partir das 10:00h. no Conservatorio Profesional de Danza na Coruña- e de Interpretación –ás 10:00 horas no Teatro Colón- mentres as probas de música realizaranse o vindeiro 18 de xullo ás 10:00 horas no Conservatorio Profesional de Música.
Xosé Lois Romero, Jesús López Prado e Belén Bermejo na área de música; César Cambeiro, Isabel Martínez-Risco e Artur Trillo na área de interpretación; Manuel González Álvarez, Elena Ferro e Olga Osorio na área de imaxe, Rut Balbís, Henrique Peón e Lara Fenoll na área de Danza e, finalmente, Mónica Alonso, Chus Martínez e Leandro Lamas na de artes plásticas son os membros dos distintos xurados que tiveron neste martes a súa primeira xuntanza na sede da Deputación da Coruña.
“As bolsas teñen como obxectivo ser unha ferramenta de promoción da creación artística, de maneira especial, neses ámbitos en que é difícil ter axudas para a formación de mozas e mozos que queren dedicarse profesionalmente ao teatro, a música, as artes plásticas, a danza ou a imaxe”, sinalou Goretti Sanmartín que agradeceu aos membros do xurado a súa participación no proceso selectivo. “Para nós é unha grande sorte poder contar con persoas tan recoñecidas en cada un dos ámbitos da convocatoria compoñendo un tribunal novo na súa composición”, agradeceu a vicepresidenta no inicio dunha xuntanza na que se idearon os contidos das probas que se desenvolverán nas vindeiras semanas.











