Raquel Arias destaca a aposta da Xunta por dinamizar o comercio no rural con 1,4 millóns para crear novos espazos de emprendemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, subliñou hoxe a aposta do Goberno galego por dinamizar a actividade económica dos concellos rurais e, máis en concreto, por impulsar o comercio como sector estratéxico para crear postos de traballo e revitalizar as vilas e pobos. En concreto, asistiu á posta en marcha das novas instalacións comerciais con que conta o Concello de Portomarín, unha actuación que cualificou que “exemplo do que se pretende conseguir con esta liña de subvencións”.

Arias explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha un programa de axudas dirixido aos concellos para a creación de espazos de emprendemento comercial no medio rural, ao que destina 1,4 millóns de euros.

O novo mercado de Portomarín, rehabilitado grazas a unha achega de 110.000 euros da Xunta, localízase no que no seu día foi unha praza de abastos que acabou convertida en almacén. Foi remodelado para dar cabida a unha ducia de proxectos emprendedores, algúns dos cales botaron hoxe a andar e os demais farano en datas próximas.

Raquel Arias destacou que a Xunta traballa polo desenvolvemento do sector comercial en dous eixos: “Por un lado na promoción, o fomento e a modernización do comercio, e por outro na mellora das estruturas comerciais”.

Ambos eidos, afirmou, converxen neste programa de axudas que pretende “adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación rural, garantir a adecuación da estrutura comercial á estrutura comarcal territorial, crear postos de traballo de calidade no rural e prestar especial importancia á comercialización dos produtos locais e autóctonos”.

A delegada indicou que “o sector comercial ten un peso específico no tecido empresarial da nosa provincia” e por elo a Xunta “establece diversas vías de colaboración tanto cos concellos, para a mellora de infraestruturas comerciais, como cos comerciantes, a través das asociacións e outras entidades representativas”.

13 de xullo de 2016 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.