Raquel Arias apela a impulsar “un novo modelo económico máis xusto e igualitario”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoLugo
A-
A+
Raquel Arias na inauguración da I Xornada Laboralista en Lugo

Raquel Arias na inauguración da I Xornada Laboralista en Lugo

A delegada territorial, Raquel Arias, apelou hoxe á necesidade de impulsar “un novo modelo económico máis xusto e igualitario” co concurso de todos os axentes sociais, “sobre a base do diálogo, que opere un cambio nas relacións laborais e sociais para corrixir desaxustes e construír un sistema máis eficiente e responsable”.

Arias realizou estas declaracións durante o acto de inauguración da I Xornada Laboralista en Lugo, organizada polo Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo e a Fundación Xustiza Social. Ao respecto, incidiu tamén na necesaria implicación dos profesionais en recursos humanos e relacións laborais “na construción dese novo modelo económico ao que aspiramos”.

A delegada afirmou que cada vez son máis as empresas galegas “que asumen o desafío de integrar a responsabilidade social na súa xestión”, e amosouse convencida de que este factor diferenciador “ten resultados positivos no balance final”.

Igualmente, subliñou, a Xunta está a impulsar “unha administración pública máis responsable socialmente a todos os niveis, na planificación, implementación e avaliación da súa actividade”.

A delegada fixo referencia á Axenda 20 para o Emprego, unha folla de ruta elaborada pola Xunta para crear emprego estable e de calidade, que utiliza como pancas de cambio a formación e a capacitación dos traballadores e a orientación laboral, papel que corresponde ao Servizo Público de Emprego.

Nesta folla de ruta, explicou, préstase especial atención ás persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, ao tempo que se adopta como principio básico que unha recuperación económica completa e integradora “debe por forza apoiarse na igualdade entre mulleres e homes”, destacou Arias.

“É preciso rachar as diferencias entre as taxas de emprego masculino e feminino, conseguir a igualdade salarial, e potenciar a conciliación como ferramenta fundamental do novo modelo produtivo”, asegurou.

15 de xullo de 2016 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.