Quedan extinguidos os incendios forestais de Lobios e Carballeda de Valdeorras
A Consellería do Medio Rural informou da extinción dos incendios forestais rexistrados nas localidades ourensanas de Lobios e Carballeda de Valdeorras.
Segundo informou o departamento da Xunta, o lume que afectaba a parroquia de Torno, en Lobios, dende o mediodía do luns, foi extinguido pasadas as 12,00 horas deste mércores.
O incendio calcinou, segundo as estimacións provisionais, unha superficie de 67 hectáreas, 54 de arborado e 13 de monte raso. Na súa extinción participaron 1 técnico, oito axentes forestais, 20 brigadas, 13 motobombas, unha pa, cinco helicópteros e dous avións.
Por outra banda, o incendio rexistrado no concello de Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Sobradelo, está extinguido dende as 21,30 horas deste martes.
Na extinción deste lume, que calcinou unhas 37,35 hectáreas, participaron un técnico, cinco axentes, 10 brigadas, seis motobombas, unha pa e un helicóptero.