publicidade hoxe

Preséntanse en Xove as actuacións de 400.000 euros para crear emprego e mellorar servizos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoXove
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este xoves en Xove o 1º investimento do Orzamento de 2016 para este Concello. Campos Conde explicou que está dotado de 400.000, que se inxectarán de xeito inmediato, para crear emprego e mellorar servizos públicos en beneficio dos veciños deste municipio.

Fíxoo nunha visita institucional a Xove, que comezou cunha recepción no Consistorio por parte do Alcalde, José Demetrio Salgueiro Rapa, e outros membros da Corporación, na que tamén participou a Deputada mariñana e responsable da área provincial de Economía, Mayra García Bermúdez.

O titular provincial asinou no Libro de Ouro do Concello, apuntando que “hoxe é a miña primeira visita institucional ao Concello de Xove, á que agardo que veñan outras nas que traer máis solucións en resposta ás necesidades dos case 3.500 veciños deste fermoso municipio da Mariña Occidental”.

Os 400.000 euros que Campos Conde presentou hoxe en Xove crearán emprego e mellorarán os servizos públicos a través das seguintes actuacións:

– 36.000 euros para a creación directa de novos postos de emprego. É a cantidade que a Deputación inxectará en Xove a través dun novo plan de emprego nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, froito da aposta persoal do Presidente pola xeración de traballo e a máxima cooperación cos municipios. Mañá mesmo, o Executivo da Deputación aprobará este plan na Xunta de Goberno Provincial, ademais do seu investimento total e distribución de fondos en 66 Concellos con criterios obxectivos.

– 250.000 euros para o acondicionamento do campo municipal con céspede artificial. Darío Campos adiantou que tamén mañá o Executivo da Deputación aprobará na Xunta de Goberno Provincial o convenio de colaboración co Concello de Xove mediante o cal a Deputación achegará este investimento para mellorar ditas instalacións municipais, que empregan arredor de 100 deportistas que compiten en diferentes ligas.

– 20.335 euros para melloras de Aforro Enerxético na localidade. O Executivo da Deputación aprobará mañá na Xunta de Goberno o Plan de Aforro Enerxético da Deputación nos Concellos. Con dita cantidade, que é a que lles corresponde a Xove en base a criterios obxectivos de reparto en 66 municipios lugueses (superficie, densidade de poboación, núcleos poboacionais e esforzo fiscal), a Deputación poderá financiar a este Concello melloras no alumeado público, instalación de caldeiras ou estufas de biomasa, así como de novas redes de calor, ademais de illamentos térmicos.

– 60.323 euros para as obras municipais do Plan de Obras e Servizos de 2016 (POS). Supón o triplo que na pasada anualidade, pois o Presidente quixo multiplicar por tres o investimento da Deputación nos Concellos a través desta programación. O Goberno Provincial prevé aprobar a listaxe de obras no Pleno deste mes, sempre que todos os Concellos presenten as memorias dos proxectos para poder iniciar inmediatamente despois a súa execución. Dita cantidade tamén é a que lle corresponde a Xove en base a súa superficie, densidade de poboación, núcleos poboacionais e esforzo fiscal.

– 19.655 euros para o Servizo a Domicilio, investimento que lle corresponde a Xove en base ao seu índice de envellecemento, superficie, densidade de poboación e unidades de poboación. Por primeira vez, esta prestación suporá custo cero para os Concellos, xa que o Goberno da Deputación decidiu asumir todos os custos. Tamén de xeito pioneiro, o organismo provincial ofrece aos municipios un adianto do 90% e a posibilidade de poder financiarlles, ademais dos gastos de persoal, os gastos de funcionamento, axustándose ás necesidades dos usuarios de cada unha das distintas entidades locais co obxectivo de mellorar a calidade deste servizo público.

– 4.067 euros para mellorar a sede electrónica. Os Concellos teñen que realizar melloras nas mesmas antes do 1 de outubro debido á entrada en vigor da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Esta normativa establece cambios nas ferramentas tecnolóxicas para axilizar, modernizar, simplificar e garantir aos cidadáns a realización de todos os seus trámites coas mesmas de xeito telemático. Por este motivo, a Deputación ofrece aos 66 municipios de menos de 20.000 habitantes axudas económicas, que distribúe en base a criterios obxectivos (superficie, esforzo fiscal, densidade de poboación e unidades de poboación), para poder levalas a cabo.

14 de xullo de 2016 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.