Preséntanse 28 ofertas para as obras de mantemento de vivendas de promoción pública do poboado mineiro de Fontao
Un total de 28 ofertas presentáronse ao concurso público convocado pola Xunta de Galicia para a realización de obras de mantemento en vivendas de promoción pública rehabilitadas no poboado mineiro de Fontao.
O Instituto Galego da Vivenda e Solo investirá un total de 248.149,57 euros en obras de reparación e mellora das vivendas de promoción pública do poboado mineiro de Fontao, no concello pontevedrés de Vila de Cruces. En concreto as obras de mellora consistirán en traballos de conservación en fachadas e carpintarías e reparacións eléctricas das vivendas do poboado mineiro de Fontao, rehabilitado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. As obras afectarán a dous bloques de vivendas e á antiga vivenda do mestre de Fontao e beneficiarán a un total de 26 vivendas. As vivendas resultantes foron calificadas como de promoción pública e adxudicadas en réxime de compravenda ou alugueiro.
O orzamento máximo da licitación é de 248.149,57 euros e un prazo de execución das obras de catro meses. Previsiblamente a obra será adxudicada antes de que remate o actual mes de xullo.
Actualmente a Xunta dispón de 52 vivendas adxudicadas en réxime de alugueiro no poboado de Fontao, con prezos que oscilan entre 51 e 143 euros mensuais, xa que as vivendas van dos 54 aos 111 metros cadrados de superficie.