publicidade hoxe

Os plans de investimentos da Deputación da Coruña supuxeron obras por máis de 2,7 millons de euros en Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarballo
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Carballo, onde foi recibido polo alcalde, Evencio Ferrero, e polos membros da corporación municipal.

Aproveitando a súa visita á localidade, o presidente provincial coñeceu as instalacións do Fórum carballés, onde se concentran os diversos servizos de formación e emprego do municipio, e visitou a sede central do Grupo Calvo, a principal empresa conserveira de España.

Tras asinar no Libro de Honra do Concello, González Formoso foi recibido pola corporación local no Salón de Plenos do consistorio carballés. Alí destacou o “compromiso” da institución provincial coa capital bergantiñá, á que definiu como “un dos grandes tractores económicos da provincia”.
“Un compromiso que se plasma en cifras concretas como os máis de 2,7 millóns de euros que a Deputación inviste no último ano no municipio a través dos diferentes plans provinciais” e que contribúen “a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Carballo”, apuntou Valentín González, que repasou algunhas das principais obras que a institución provincial financia no municipio como a dotación de herba artificial no campo de fútbol de As Eiroas e as melloras de accesibilidade da rúa Xúpiter, o Pazo da Cultura e o barrio das Flores, executadas a través do Plan de Acción Social (PAS) con preto de 1 millóns de euros; a “aposta clara de sostemento e mellora de centros educativos” como a reurbanización do entorno do CEIP Fogar ou o IES Alfredo Brañas, efectuadas con cargo aos 466.605 euros que Carballo recibe do PAI ou a mellora de camiños municipais en parroquias como Noicela, Vilela, Bértoa, Razo e Oza, incluidas dentro do POS.

Neste sentido, o alcalde Evencio Ferrero agradeceu que a Deputación “recuperara o reparto de fondos en base a criterios obxectivos”, que redundan en investimentos “moi demandados polos veciños” e considerou que a localidade foi “a gran perxudicada” en mandatos anteriores, cando “se aplicaban outros criterios de reparto” na institución provincial.

Ferrero fixo referencia tamén á primeira fase das obras da travesía de Sísamo, que a Deputación ten actualmente en fase de licitación cun orzamento de 418.420 euros, e que comezarán antes do outono e anunciou que o seu goberno terá elaborado o proxecto para a segunda fase das obras “antes de que remate o mes de agosto”.

No apartado de estradas, o rexedor carballés reclamou tamén á transferencia á Xunta da estrada Carballo-Santiago e considerou “un anacronismo” que a conexión de ambas capitais sexa a través dun vial de titularidade provincial. Asimesmo, mostrouse disposto a asumir a titularidade de viais da Deputación que discorren polo casco urbano carballés.

Apoio ao Fórum a través do PEL

Tras a recepción no Concello, o presidente provincial e o alcalde de Carballo visitaron as instalacións do Fórum de Carballo, onde se concentran os numerosos servizos de formación, emprego e promoción económica municipais.

Ferrero e González Formoso, acompañados polo director do centro e por varios concelleiros da localidade, percorreron os cinco edificios do complexo e visitaron o auditorio, os servizos de orientación laboral e as instalacións adaptadas para a formación de alumnos en diversas especialidades como hostelería e turismo, soldadura, mecánica ou electricidade e electrónica.

“Voume moi impresionado, como Deputación queremos isto: a implicación de todos para atender a principal prioridade que nos demanda a sociedade, que é o emprego”, afirmou o presidente da Deputación ao remate da visita.

González Formoso agradeceu a “xenerosidade” de concellos como Carballo, con máis de 20.000 habitantes, que “entederon perfectamente” que o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación non destine fondos a estes grandes municipios para a contratación directa de persoal, xa que se centra nos de menor poboación, pero anunciou que o PEL sí “compensará” a Carballo destinando recursos para o apoio a proxectos emprendendores ou a creación de espazos de coworking, que contribuirán a dinamización económica e á creación de novos postos de traballo. “Queremos apoiar a este centro a través dalgunha das liñas do noso Plan de Emprego”, subliñou o presidente da Deputación, que gabou tamén iniciativas como o plan Carballo Activa, que busca a inserción laboral do alumnado en empresas da localidade ao rematar o seu período formativo.

Calvo, un xigante conserveiro carballés presente en 70 países

Tras a visita ao Fórum, a comitiva desprazouse ata a sede central do Grupo Calvo, onde foron recibidos polo conselleiro delegado da empresa conserveira, Luciano Calvo Pumpido, o director industrial do Grupo Calvo, Enrique Mandado, o director da planta carballesa, José Miguel Rivero e o responsable de I+D, Antonio Cuevas.

Na sala de xuntas, os responsables da empresa explicaron a historia do Grupo Calvo dende a súa fundación en 1940 ata a actualidade e a súa estrutura actual, que abarca todos os procesos dende a pesca á transformación do peixe e o seu envasado, cunha flota propia de buques e varias prantas de produción e envasado distribuidas en España, El Salvador e Brasil.

Os executivos do Grupo Calvo acompañaron ao presidente da Deputación durante a visita polas instalacións da planta carballesa, onde explicaron polo miúdo os procesos de elaboración dos seus produtos, presentes en 70 mercados de todo o mundo, e os procesos de internacionalización e innovación que está a levar a cabo a compañía, cuxa facturación sigue medrando ano a ano e alcanzou os 800 millóns de euros o ano pasado.

26 de xullo de 2016 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.