O xerente do Xacobeo participa na entrega da Medalla León de Mudzborg a Enrique Santín Díaz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, representou hoxe a Turismo de Galicia no acto de entrega da Medalla León de Mudzborg, outorgada pola Irmandade alemá de Mudzborg dos Cabaleiros do Santo Santiago, ao xurista galego Enrique Santín Díaz.

Este acto, que tivo lugar na Sala Capitular da Catedral de Santiago contou tamén coa presenza co chanceler Irmandade Wolgang Illmer e como mestre de cerimonias estivo Juan Carlos Blanco Varela.

Antes da entrega da medalla, os representantes da Irmandade e o condecorado foron recibidos en audiencia polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e logo a comitiva participou na Misa do Peregrino.

Cabaleiros do Santo Santiago

A Irmandade de Mudzborg, unha das máis antigas de Alemaña relacionada coa devoción ao Apóstolo Santiago e o Camiño, foi fundada no ano 1182 polo duque Enrique de León e na actualidade é un dos colectivos máis activos en relación á difusión dos valores da Ruta Xacobea neste país.

Polo que respecta ao condecorado, Enrique Santín é un destacado xurista galego que ocupou distintos cargos na Administración do Estado ademais de docente na Universidade. Santín foi fundador e presidente de honra da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (AEGAMA), presidente da Federación de Asociacións de Empresarios Galegos no Exterior (FEGAEX), presidente da Asociación Cultural Vieira e vicepresidente do Centro Galego de Madrid, entre outros cargos relacionados coa galeguidade no exterior.

Peregrinos alemáns

Por outra parte, e polo que respecta á afluencia no Camiño de Santiago, no que vai de ano xa son 11.030 os peregrinos alemáns que alcanzaron Compostela, o que supón un 8,62% máis que no mesmo período do ano anterior. Logo de España, este ano, Alemaña está a ser o país do que máis persoas realizan a Ruta Xacobea. O ano pasado, 18.873 peregrinos alemáns percorreron o Camiño.

20 de xullo de 2016 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.