O Sergas destina 2,4 millóns de euros para o equipamento da central de esterilización no Chuac

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), publica, na súa edición de hoxe, un anuncio do Servizo Galego de Saúde para a licitación do expediente de gasto, por un importe de 2.400.000 euros, destinado á dotación do equipamento que configurará unha nova central integral de esterilización no Hospital Universitario da Coruña. Esta central sitúase na planta baixa, dando servizo ao novo bloque cirúrxico mediante comunicación directa a través de dous ascensores específicos.

Nesta licitación, agrúpanse aqueles equipos e instalacións necesarias para dotar unha central integral de esterilización, contando coa tecnoloxía máis actual existente no mercado, e que terá unha capacidade de procesado anual superior a 60.000 unidades técnicas de esterilización, equivalentes a 40.000 intervencións cirúrxicas/ano, e, polo tanto, mesmo será capaz de prestar servizo a todos os centros da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada do Sergas na cidade da Coruña.

Destacar deste equipamento que se incorporan 4 lavadoras termo/desinfectadoras, máis unha específica para endoscopios, 2 túneles de lavado, 5 esterilizadores de vapor e unha central de dosificación automática de deterxentes e outra de purificación da auga, ademais dun alto número de carros de transporte, contedores, mesados e numerosos accesorios complementarios.

Este equipamento, que contempla a incorporación das máis altas prestacións existentes no mercado e de mellora das capacidades produtivas, tamén achega maior seguridade e fiabilidade nun proceso tan sensible como e a esterilización. Así mesmo, facilítase o traballo dos profesionais, achegando un maior confort e ergonomía e unha maior automatización dos procesos. Tamén se achega unha maior seguridade na calidade global do proceso, xa que disporá de modernas ferramentas informáticas que aseguren a rastrexabilidade de todo o proceso así como dos ciclos propios de cada máquina.

Por tanto, grazas a esta iniciativa, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña continúa o proceso de equipamento para posta en funcionamento no bloque cirúrxico desta importante infraestructura sanitaria da área sanitaria da Coruña, e do que xa se leva licitado durante este ano case 4 millóns de euros, dotándose, así, da máis moderna e actual tecnoloxía, mellorando e facilitando as capacidades de traballo do persoal sanitario e aumentando a seguridade para o paciente e para a realización do procedemento cirúrxico.

26 de xullo de 2016 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.