O Sergas defende as melloras achegadas polo Hospital Álvaro Cunqueiro á área sanitaria de Vigo
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández Campa, defendeu as “melloras innegables” que o Hospital Álvaro Cunqueiro achegou á área de Vigo dende a súa apertura fai pouco máis dun ano e negou que non se estea a consultar co persoal para realizar melloras no funcionamento do centro hospitalario.
O responsable do Sergas compareceu este xoves ante a Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego celebrada no Parlamento galego, onde respondeu ás preguntas da parlamentaria nacionalista Montse Prado en relación ao funcionamento do Hospital Álvaro Cunqueiro.
Precisamente, na mañá deste xoves estaba convocada unha concentración por parte da xunta de persoal do Chuvi e SOS Sanidade Pública para pedir o “rescate” do Hospital Álvaro Cunqueiro e a apertura de todas as camas.
Neste sentido, Fernández Campa ha asegurado que o novo hospital vigués supuxo un “salto cualitativo sen precendentes” que “dobrou” o espazo da área de urxencias do que dispoñían conxuntamente os hospitais Xeral e Meixoeiro, dotou de mellores “conexións” cos servizos de emerxencia, “máis dotación técnica, máis facilidade de acceso e máis persoal”.
Así o defendeu ante as acusacións da deputada do Bloque Prado, que cargou contra a política sanitaria “desmanteladora e privatizadora” da Xunta de Galicia, quen tamén augurou que os datos de espera sanitaria estarán “maquillados”.
O pasado mércores, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou na sesión plenaria do Parlamento que en breve se publicarán os datos das listas de espera sanitarias correspondentes ao primeiro semestre e que serán “os mellores dende que hai rexistros”.
En relación a isto, Prado asegurou que espera que contratasen un “bo maquillador” para elaborar eses datos “para que sexan os mellores da historia” e engadiu que será outro acto de “propaganda” do goberno do PP.
PLAN FUNCIONAL
A deputada do BNG cuestionou o xerente do Sergas se teñen en conta a opinión do persoal do Álvaro Cunqueiro para a toma de decisións e afirmou que o hospital vigués se abriu sen contar cun plan funcional que se elaborou “tarde, mal e arrastro”.
Ante isto, Fernández Campa asegurou que “existía” un plan funcional cando o Álvaro Cunqueiro botou a andar que foi elaborado “polos profesionais do servizo” que traballaban nos hospitais Xeral de Vigo e Meixoeiro, ao tempo que engadiu que “claro que se está a escoitar ao persoal” e que hai un “grupo de mellora permanente” traballando.
“¿Están a dicir que os profesioanles menten?”, contestou Prado. Para a nacionalista, se fai “todo en contra do criterio do persoal” e reclamou ao comparecente que se reúna cos traballadores do centro sanitario e “contraste as súas versións”.
PERSOAL
Fernández Campa defendeu que o número de persoal médico dispoñible na zona sanitaria de Vigo se incrementou coa apertura do novo hospital vigués. Concretamente, segundo o responsable do Sergas, aumentouse “en seis efectivos” as quendas de “mañá, tarde e noite”, así como en “12 o número de enfermeiros e en 13 o de celadores”.
Pola contra, Prado preguntou ao responsable do Sergas se os ratios de profesionais por habitante “se aproximan aos recomendados” pola Organización Mundial da Saúde (OMS)”, xa que os “profesionais din que non”.
Por último, o xerente do Sergas asegurou que o servizo de urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro “pasou a proba de lume” este inverno, ante o que Prado reaccionou recordando que as urxencias do centro sanitario “están practicamente sempre colapsadas” e preguntouse que pasaría se “suspendese” a proba.











