O prazo para presentar achegas aos documentos da asemblea das mareas remata o luns 25

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSantiago de CompostelaVigo
A-
A+
Europa Press

O prazo para presentar achegas aos documentos que servirán de base na asemblea promovida polos tres alcaldes das cidades -Xulio Ferreiro (A Coruña), Jorge Suárez (Ferrol) e Martiño Noriega (Santiago de Compostela)- terminará o vindeiro luns, día 25, ás 19,00 horas.

Para poder presentar emendas, totais ou parciais aos textos, deberán estar subscritas por polo menos 10 persoas que asinen o manifesto dos alcaldes, que lanzou este proceso, que culminará o próximo día 30 en Vigo cunha asemblea constituínte.

Os alcaldes volverán reunirse este sábado para seguir avanzando na organización da asemblea do 30 de xullo en Vigo. A idea, segundo explica o comunicado de Marea Constituínte, é “buscar o máximo consenso nos documentos e asuntos a debater”.

Despois do luns, empezará a fase de debate das diferentes propostas, nas que se buscará “chegar ao máximo consenso nos documentos que se presenten” para o 30 de xullo.

“Con xenerosidade e traballo conxunto será posible construír un espazo que represente o cambio en Galicia, e poida ofrecer alternativas sólidas ao saqueo do ben común que representa o Partido Popular”, apunta a xestora nun comunicado que se pode consultar na súa páxina web (www.mareaconstituinte.gal).

REUNIÓN DO MÉRCORES

Na reunión do mércores, na que se acordou a apertura do prazo para presentar emendas aos textos, os cales deberán definir a metodoloxía de primarias para elixir as candidaturas, así como unha fórmula xurídica para concorrer (coalición, partido instrumental, fórmula mixta), participaron os tres alcaldes e representantes de Anova e Mareas en Común.

Podemos Galicia non acudiu á invitación, pero os tres rexedores manteñen que se comprometeu a súa presenza en Vigo o próximo día 30, asemblea á que están adheridas máis de 1.300 persoas (a data deste venres pola mañá), entre as que hai inscritos da formación morada.

PODEMOS SUPEDITA A SÚA PRESENZA E A SÚA SITUACIÓN

Con todo, a través dun comunicado este xoves, a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, explicou que a súa participación na asemblea do día 30 está supeditada á postura que teñan respecto das bases e os órganos políticos de Podemos Galicia.

“Parécenos positiva a invitación dos tres alcaldes e, se as bases de Podemos e os seus órganos políticos teñen uns consensos mínimos para que eu participe na asemblea, será unha cousa que teremos que valorar e ver se é posible avanzar nese camiño de construción para o mellor proxecto político para Galicia”, manifestou.

Precisamente, nas últimas horas, Podemos Galicia someteu a votación telemática do seu Consello Cidadán Autonómico a posibilidade de realizar un posicionamento en contra dun partido instrumental como fórmula para concorrer ás eleccións autonómicas, pero a maioría deste órgano votou o contrario da postura impulsada polo consello de coordinación que lidera Carmen Santos, a segunda vez que ocorre.

Con estas vimbias, polo momento Podemos Galicia non conta cun posicionamento que, en esencia, evitaría a marca da organización morada poida quedar diluída nun partido instrumental, aínda que, como reiterou a secretaria xeral, a última palabra terana os inscritos, xa que se decidirá en asemblea cidadá autonómica como se irá ás eleccións autonómicas.

22 de xullo de 2016 | 11:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.