O pleno da Deputación da Coruña aproba dotacións económicas para os novos plans de deportes e patrimonio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, cos votos favorables do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Alternativa dos Veciños e Compostela Aberta, e o voto en contra do Partido Popular, un expediente de modificación de créditos por importe de 7,8 millóns de euros que servirá, entre outras cuestións, para dotar orzamentariamente novos plans provinciais de Deportes e Patrimonio que se presentarán despois do verán.

En concreto, ademáis do millón de euros que completa os 7 millóns cos que conta o orzamento do Plan de Emprego Local (PEL) en 2016, o expediente de modificación de créditos aprobado hoxe inclúe unha partida económica con dous dos catro millóns de euros cos que se dotará ao novo Plan de Deportes, que se destinará a mellorar as instalacións deportivas dos concellos coruñeses, e outra de 1.250.000 euros, que se sumarán aos 750.000 € xa consignados no Orzamento de 2016 para a dotación dun Plan de Patrimonio destinado a mellorar os elementos de valor histórico-artístico nos 93 municipios coruñeses.

Ambos programas de investimentos presentaranse despois do verán e afondarán na liña impulsada polo actual goberno provincial de distribuir os fondos entre os concellos a través de plans con criterios obxectivos, diminuíndo a discrecionalidade na asignación dos recursos, tal como se ven facendo en programas como o Plan de Acción Social (PAS), o Plan de Obras e Servizos (POS), o Plan de Aforro e investimento (PAI), o Plan de Emprego (PEL) ou o Plan de Medioambiente (PMA).

O expediente aprobado no pleno de hoxe suporá ademáis unha achega de 180.000 euros para financiar a programación cultural do Auditorio de Galicia, 215.000 euros para o festval Womex, 189.000 euros para a adecuación da casa-museo de Rafael Dieste no Concello de Rianxo, 50.000 euros para as gradas e os vestiarios do campo de fútbol de Barraña (Boiro), 67.181 euros para mellora da eficiencia enerxética do CEIP San Vicente de A Baña, 185.000 euros para o saneamento de Pontedeume ou 140.000 euros para un convenio coa Universidade de Santiago para a investigación de novos métodos de contención e control da praga da vespa velutina na provincia, así como o estudo da súa distribución territorial e do impacto que supón a entrada desta especie invasora en Galicia.

3,6 millóns de euros en mellora de estradas

O pleno de hoxe deu tamén luz verde, co voto favorable de todos os grupos políticos, a investimentos por importe de máis de 3,6 millóns de euros para a mellora da rede viaria provincial nos concellos de Dumbría, Muxía, Brión, As Pontes, Laracha, Cerceda, Sobrado dos Monxes, Ames, San Sadurniño, Santa Comba, Arteixo e A Coruña.

29 de xullo de 2016 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.