publicidade hoxe

O futuro Campus Industrial de Ferrol recollerá os retos da industria naval galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+
O titular da Xunta no acto en Ferrol

O titular da Xunta no acto en Ferrol

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que o futuro Campus Industrial de Ferrol recollerá os retos da industria naval galega actuando como o seu brazo investigador e tecnolóxico. Así o manifestou durante o acto de presentación deste novo espazo pertencente á Universidade da Coruña que, segundo dixo, vén poñer na órbita universitaria un dos principais sinais de identidade da comarca de Ferrolterra: a súa industria.

O mandatario galego sinalou que o Campus Industrial de Ferrol responde á estratexia de especialización dos campus universitarios galegos que está a desenvolver a Xunta. E agregou que nel o Sistema Universitario Galego deposita o presente e o futuro da industria naval de Galicia, achegándolle un sólido brazo investigador e tecnolóxico que imparte 11 titulacións e 8 mestrados, e no que estudan actualmente 2.600 alumnos e alumnas.

Un paso decisivo

Segundo precisou, a presentación deste espazo como campus especializado iniciouse en outubro de 2015, cando se asinou o convenio de colaboración entre a Xunta e a Universidade da Coruña para deseñar o seu Plan estratéxico e o Programa de necesidades funcionais que, a partir de agora, comezan a desenvolverse. E, para facelo, apuntou que o Goberno galego está a investir máis de 3 millóns de euros que se distribuirán en dúas anualidades (2016-2017).

Case 1,4 millóns de euros, detallou, irán destinados a cofinanciar actuacións como a creación da Oficina do Campus, para optimizar recursos; a realización de diversos traballos para mellorar as infraestruturas e a eficiencia enerxética nos distintos edificios; e iniciativas encamiñadas a reforzar a conexión da Universidade co tecido industrial da comarca.

E, por outra banda, indicou que máis de 1,7 millóns de euros subvencionarán varias accións de mellora nas chamadas Unidades de Transferencia Tecnolóxica para impulsar a súa actividade e a repercusión do seu traballo a nivel nacional. Trátase do CITEEC (Centro de Investigación Tecnolóxica de Edificación en Enxeñaría Civil), o CICA (Centro de Investigacións Científicas Avanzadas), o ESCI-SAI (edificio de servizos centrais de investigación e servizo de apoio á investigación), ou o CITIC (Centro de Investigación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación).

Feijóo afirmou que, entre outros, o principal obxectivo é que o Campus Industrial de Ferrol conte cunha identidade claramente especializada no ámbito naval, oceánico e noutros eidos industriais presentes na comarca. E que traballe de xeito cohesionado e interdisciplinar para impartir unha docencia especializada e procurar unha investigación de calidade, buscando participar en proxectos de I+D+i financiados tamén polo sector privado.

Medidas para o vindeiro curso

Sobre as medidas que se porán en marcha no vindeiro curso, apuntou que se creará a Oficina do Campus Industrial de Ferrol, un equipo de traballo que actuará como interlocutor entre o campus e os axentes interesados na actividade investigadora que desenvolva; e que se potenciará a administración electrónica.

Sinalou, ademais, que se constituirá unha Comisión Académica para o reforzo e actualización da súa oferta docente, adaptándoa aos posibles nichos de mercado co fin de definir un novo grao e un novo máster durante o período 2016-2017, que se implantará no curso 2018-2019. E engadiu que se formarán as Asociacións colaborativas de Grupos de Investigación para impulsar unha investigación multidisciplinar.

Xunto con isto, indicou que se mellorarán as infraestruturas tecnolóxicas e de investigación con novos equipamentos e a rehabilitación de espazos; que se creará a Oficina de Relación Industrial, para potenciar a conexión Universidade-empresa; e que se establecerán follas de ruta estables con empresas e institucións locais que contribuirán como laboratorios deste futuro campus e participarán en proxectos conxuntos de I+D+i.

Feijóo indicou, como outras medidas, que se constituirá a Asociación de Egresados do Campus de Ferrol; se deseñará un plan de márketing e un programa de proxección exterior do campus para reforzar a súa imaxe a nivel nacional e internacional; e se creará un Comité Internacional de Expertos presidido por unha personalidade de referencia na área científico-tecnolóxica.

O titular da Xunta concluíu asegurando que este campus se converterá nun motor de dinamización do tecido económico e social de Ferrolterra grazas á interrelación entre o plano docente e a propia industria. E destacou que con el, a Xunta non só está a poñer a disposición dos mozos e mozas galegos que estudan unha carreira universitaria as taxas de matrícula máis baixas de España ou bolsas complementarias ás estatais; senón unha oferta académica ligada á realidade económica de Galicia, aos sectores máis punteiros e á vangarda dos últimos avances en investigación.

8 de xullo de 2016 | 12:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.