publicidade hoxe

O DOG publica a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e o proxecto de trazado do semienlace de areas, na Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaPontevedraTui
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado do semienlace de acceso ao polígono industrial de Areas-Tui, dende a Vía de Altas Prestacións (VAP) Tui- A Guarda, no treito I. No seguinte enlace pódese consultar máis información sobre esta resolución: http://goo.gl/0hSIFS

O proxecto de trazado do semienlace foi sometido a información pública entre o 7 de maio e o 11 de xuño deste ano, sen que se teña presentado ningunha alegación. O que se entende como unha mostra do elevado consenso que existe sobre a necesidade de incorporar no deseño da VAP Tui – A Guarda a conexión co Polígono de Areas, demandada por veciños e empresarios da zona.

A Axencia Galega de Infraestruturas licitou o pasado 15 de xuño o contrato para a redacción do proxecto de construción no que se desenvolverá de forma completa a integración do semienlace co trazado do tramo I da Vía de Altas Prestacións.

Unha vez aprobado o proxecto de construción, a continuación licitaranse as obras do enlace que suporá un investimento da Xunta de preto de 12 millóns de euros.

Con estes pasos, o Executivo autonómico destaca o seu interese por completar o eixo de altas prestacións entre Tui e A Guarda, comezando pola conexión do enlace de Areas coa N-551 e a A-55, necesario para solucionar os tráficos e mellorar as conexións dun polígono que rexistra unha importante actividade económica, industrial e comercial.

A Xunta, tras unha fonda análise técnica, funcional e social, detectou que este treito é o máis urxente nesta infraestrutura, xa que nel conflúen a Autovía A-55, que une Vigo con Portugal e dá saída á rede nacional de autovías; a N-551 que leva á ponte internacional; e e a PO-552 que vertebra o Baixo Miño. Ademais posibilítase a conexión dun polígono empresarial, o de Areas, que xera tanto tráficos pesados derivados das actividades industriais, como un elevado número de vehículos particulares que se achegan ás diferentes zonas comerciais.

A Xunta xa ten acadado unha solución que posibilita movementos directos sen necesidade de meter os tráficos no núcleo de Areas.

Para executar este proxecto o Concello de Tui deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no que se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificados como consecuencia da súa aprobación.

Cómpre lembrar que dende o 2014 está en servizo o treito entre Goián e A Guarda, 10 quilómetros de vía de altas prestacións cos que máis de 6.000 vehículos cada día ven mellorados os tempos de percorrido e, sobre todo, a súa seguridade viaria.

6 de xullo de 2016 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.