O DOG publica a declaración de dúas áreas de Vigo como zonas de grande afluencia turística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a declaración de dúas áreas de Vigo como zonas de grande afluencia turística. A Xunta valida a proposta do Concello vigués, que conta co consenso do sector.

Así, a zona histórica de Bouzas e a parte do espazo coñecida como Vigo Histórico contará, tal e como propón a Administración local viguesa, con liberdade horaria comercial ata as 22,00 horas durante todo o ano.

A zona histórica de Bouzas comprende, segundo o marcado polo Concello, o ámbito definido entre a Avenida Atlántida, as rúas Camiño Viega e Simancas e a Avenida Beiramar. Pola súa banda, a parte da zona coñecida como Vigo Histórico queda delimitada entre San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón baixando pola rúa Pontevedra, rúa Areal, Montero Ríos e Cánovas del Castillo ata a rúa San Francisco.

O Concello remitiu á Administración autonómica a proposta destas zonas avalada cos informes favorables da Cámara de Comercio, de federacións e asociacións de comerciantes, de asociacións de consumidores e de organizacións sindicais máis representativos do municipio.

Deste xeito, a Xunta de Galicia, no prazo legal estipulado pola normativa, dá o visto bo a esta proposta tras comprobar que conta co apoio do sector, cuxa consulta viña esixida polo propio procedemento.

21 de xullo de 2016 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.