O conselleiro de Política Social presenta o estudo sobre educación non formal da USC

Rey Varela na presentación do estudo
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presentou hoxe o estudo ‘Os programas de Educación non formal e empregabilidade da Xuventude en Galicia’ realizado pola USC a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Política Social. Na rolda de prensa que tivo lugar en San Lázaro, o conselleiro asegurou que “con este estudo queda referendada a efectividade de programas de educación non formal deseñados e activados na Comunidade Autónoma de Galicia durante os últimos anos” xa que “os datos amosan que a situación laboral de boa parte dos mozos e mozas participantes mudou logo de participar e implicarse nalgún dos programas”. “Queda amplamente confirmado que os programas de Xuventude implementados desde a Consellería de Política Social funcionan”, dixo.
Ente os obxectivos da redacción deste informe o conselleiro destacou a relevancia de visualizar o éxito dos programas estrela da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, así como a importancia de trasladar estes proxectos aos máis novos “para que cada vez contemos con máis rapaces gozando das nosas actividades”. O informe acredita que Galeuropa, Iniciativa Xove e Voluntariado Xuvenil cumpriron a súa finalidade última que identificou coa “mellora das competencias, habilidades e destrezas dos mozos participantes, cara a incentivar a súa participación social e facilitar a súa inserción laboral”.
Nesta liña, Rey Varela informou que desde a Consellería de Política Social “continuaremos apostando por políticas modernas e innovadoras en materia de Xuventude e baseadas na educación non formal para mellorar as competencias dos nosos mozos” xa que esta representa “unha auténtica ferramenta de empoderamento e transformación social ao servizo da mocidade galega”.
Así lembrou que -tocante aos tres programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado presentes no informe- o importe destinado ao programa Galeuropa incrementouse nun 141% desde 2012 ata acadar os máis de 2 millóns de euros actuais; o importe destinado ao programa Iniciativa Xove tamén aumentou un 27% desde 2012 ata chegar aos 547.365 euros; e o importe do programa de Voluntariado Xuvenil subiu un 68% ata os 375.000 euros neste ano.











