O conselleiro de Cultura apela á concordia e á unidade para construír o futuro en democracia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Román Rodríguez na intervención durante a apertura do congreso. Foto: X. Crespo

Román Rodríguez na intervención durante a apertura do congreso. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na apertura do congreso internacional ‘1936. Un novo relato? 80 anos entre historia e memoria’, un encontro que ten como obxectivo revisar o relato da Guerra Civil española pasadas oito décadas do inicio do conflito e unha vez consolidada a democracia en España.

Durante a súa intervención o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia apelou á concordia e á unidade “para poder seguir construíndo o futuro baixo estes parámetros de calidade”, nomeadamente os que fan que a actual democracia española sexa homologable ás máis avanzadas do mundo en nivel de cotas de liberdade e progreso e de servizos públicos de calidade como a educación e a sanidade. Neste sentido o conselleiro lembrou que estes últimos 40 anos constitúen o mellor período da nosa historia contemporánea, e un sistema a conservar e potenciar.

Román Rodríguez quixo felicitar aos comités organizador e científico deste congreso por convocar un encontro que ha servir para afondar nos valores da liberdade, do respecto, da concordia e da importancia de convivir pese ás diferenzas. Asemade sinalou que debates como o que se vai producir neste foro son produtivos para deixar atrás calquera visión intolerante ou totalitaria e para “buscar os puntos que nos unen, e non os que nos dividen, desde o respecto mutuo”, para que “o moito que temos acadado como sociedade non se perda”.

Ademais do conselleiro participaron na inauguración o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño; o decano da facultade de Xeografía e Historia, Juan Manuel Monterroso Montero; e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; entre outras autoridades, membros dos comités organizador e científico do congreso, alumnos e relatores participantes.

O congreso desenvolverase ata o mércores na facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, día no que se pechará ás 19 horas cunha conferencia no Teatro Principal de Ben Kiernan (Yale University) arredor da historia dos xenocidios.

18 de xullo de 2016 | 11:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.