O Concello da Coruña gardará un minuto de silencio en recordo ás vítimas do Alvia
A corporación local da Coruña gardará este domingo 24 de xullo un minuto de silencio na estación de ferrocarril de San Cristóbal en recordo ás vítimas do accidente do tren Alvia, que causou 80 mortos e máis dun centenar de vítimas e do que se cumpren tres anos.
Así o anunciou, en declaracións aos xornalistas, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, tras reunirse con representantes das vítimas do accidente en vésperas do aniversario da catástrofe de Angrois.
Ferreiro fixo un chamamento á cidadanía para que se sume ao minuto de silencio convocado na estación de tren para este domingo ás 21,10 horas, coincidindo coa hora na que estaba prevista a chegada do Alvia á cidade da Coruña.
“Dende A Coruña queremos sumarnos a este aniversario”, dixo o rexedor, que trasladou o seu apoio aos representantes das vítimas que insistiron en reclamar unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia para investigar as causas do accidente sucedido o 24 de xullo de 2013.
COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN
O representante da vítimas José Antonio Gallos volveu pedir a creación dunha comisión de investigación no Parlamento “para que se saiba a razón ultima do accidente”, e que eles achacan ao “atraso das infraestruturas que ten Galicia”.
“Queremos que se aclaren as responsabilidades, que se saiba a verdade e se faga xustiza en beneficio de todos e que non volva pasar”, dixo antes de mostrar a “indignación” polo nomeamento de Ana Pastor como presidenta do Congreso, e máis tras o “desplante” na reunión prevista para este martes.
Ante isto, no terceiro aniversario da catástrofe, as vítimas do accidente mostráronse “indignados” por que “non haxa unha mínima sensibilidade” polas forzas políticas e “non se poñan de acordo” de cara a investigar as causas do accidente.











