O CCVV inviste en 2016 máis de 2 millóns de euros en rehabilitación e adquisición de novos inmobles
O delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, compareceu esta mañá en rolda de prensa para informar sobre as últimas execucións de obra e novas adquisicións de inmobles do organismo. Tras os actos do X Aniversario, o delegado e presidente do CCVV -formado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello- anunciou a adquisición de novos inmobles para continuar coa rehabilitación e recuperación do casco histórico, sobre todo da zona alta.
Coma informou, no último comité executivo do CCVV adquiriuse un novo inmoble, o edificio da rúa Cruz Verde 12, por un valor de 148.000 euros. Este edificio dispón de 265m2 de superficie construíble para a súa posterior recuperación na zona alta do Casco Vello. O delegado lembrou que este proxecto continúa coa política de recuperación e de “cambio substancial” da zona antiga nos últimos anos. “Conseguimos recuperar, rehabilitar e facer que a xente e os negocios volvan ao casco histórico da cidade”, considerou.
Ademais desta nova adquisición, actualmente están en situación de rehabilitación e execución 2 inmobles na rúa Ferrería 45-47 e 10-12, que suporán a construción de 6 novas vivendas e 2 locais comerciais e cuxa inversión é de case 1 millón de euros. As outras obras, que xa están en fase de proxecto, son os edificios da rúa Cruz Verde 8, Ferrería 8, Subida á Costa 5 e Subida ao Castelo 12, que suporán 7 novas vivendas e un local comercial e cuxa inversión acadará aproximadamente 900.000 euros.
Deste xeito, e coma destacou López-Chaves, este ano se destinarán algo máis de 2 millóns de euros nestes proxectos para conseguir 13 novas vivendas e 3 locais comerciais máis que se sumarán ás xa realizadas nos 10 anos de vida do CCVV. De feito, con estas actuacións superarase xa o centenar de vivendas rehabilitadas onde xa residen máis de 150 persoas.
De todos modos, a intención do Consorcio, coma especificou o seu presidente, é optar por construír vivendas de maior superficie para ter un número maior de pisos de 2 ou 3 dormitorios pero sempre de acordo co deseño e coas condicións do PEPRI. Isto é así porque, coma explicou o delegado, “o que se pretende é asentar poboación e que as familias convivan de maneira permanente no casco histórico”. A día de hoxe quedan dispoñibles por adxudicación directa 5 vivendas de 1 dormitorio.











