O avogado do maquinista do Alvia incorporará á causa o informe de Bruxelas
O avogado do maquinista do Alvia sinistrado, Manuel Prieto, apuntou este venres que incorporará ao caso que investiga xudicialmente o accidente de Angrois de 2013 o informe de Bruxelas que conclúe que non foi independente a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), posto que apunta que “non se pode determinar que hai unha única causa” e que non se analizaron elementos “fundamentais e raíz”.
Así o indicou Manuel Prieto, quen destaca que o informe da Axencia Ferroviaria Europea “deixa en moi mal lugar as autoridades españolas” ante a falta de neutralidade das investigacións, porque “pasaron de todo” e “non se investigou de verdade”.
A Audiencia Provincial da Coruña ordenou en maio reabrir a instrución que investiga as causas do accidente do tren Alvia -que supuxo 80 mortes e máis dun centenar de feridos o 24 de xullo de 2013 no barrio compostelano de Angrois- en contra da decisión do xuíz, Andrés Lago, que o pasado outubro pechou a investigación xudicial co maquinista, Francisco Garzón, como único imputado.
Por iso, agora o avogado do maquinista, ao igual que prevén facer as vítimas, achegará este informe á causa, pois “ratifica o que todas as partes defendían menos o xuíz e o fiscal”, e que agora a Audiencia manda investigar de novo, como son as causas máis alá do erro humano, de forma que “non se avaliaron” os riscos que existían.
Así, considera que con este informe se incide en que non se investigou o “risco intolerable” que existía na curva da Grandeira, e que un erro humano “non pode ser que non estea cuberto por tecnoloxía” que o impida.











