O alcalde de Vigo avanza que a área metropolitana se ampliará ata a trintena de municipios
O alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, celebrou que o Parlamento vaia aprobar por unanimidade -a votación está pendente ata que se debatan todos os textos lexislativos- a lei da área metropolitana de Vigo, ao tempo que avanzou que esta se ampliará á trintena de municipios e que pedirá máis competencias, por exemplo, no campo de “ordenación” da sanidade.
“Hoxe é un dos grandes días de Galicia; en relación coa súa posición administrativa é o máis importante que fixo nunca este Parlamento. Isto é o que se acaba de debater e vaise votar: o máis importante que se fixo nunca na historia do Parlamento, por iso a miña satisfacción”, proclamou, en declaracións aos medios nos corredores da Cámara.
Caballero, que acudiu con outros alcaldes da área ao debate, augurou, acompañado de dirixentes socialistas, que este área “acabará tendo 28 ou 29 municipios” porque, neste momento, xa hai a petición “dun número significativo” de concellos que queren entrar. “E a ampliación vai ser a primeira decisión que se tome na asemblea da área metropolitana”, avanzou.
Así, apuntou que, “dentro de pouco”, a Xunta terá sobre a mesa a demanda dun decreto para a ampliación deste proxecto “ata os 28, 29 ou 30 municipios”, que é o ámbito “no que se vai estar”.
COMPETENCIAS DE “ORDENACIÓN” DA SANIDADE
“Son 600.000 habitantes e é unha das grandes áreas de Europa, é unha área transfronteiriza e, polo tanto, da maior importancia, con competencias en ordenación do territorio, en políticas sociais, en políticas económicas e de cada ámbito sectorial”, defendeu, ao tempo que avanzou a súa intención de “reclamar máis”.
“Eu reclamarei competencias de ordenación da sanidade. Non me refiro a competencias de sanidade, refírome á ordenación, a que, cando hai un hospital poidan arbitrar cuestións tales como o acceso ou as formas de organización”, aclarou, “inmensamente feliz” polo proxecto aprobado este martes.
“CATRO” ANOS “PERDIDOS”
E é que, ao seu xuízo, este paso foi posible porque os vigueses lanzaron a devandita mensaxe ao apoiar a súa candidatura nas últimas eleccións municipais.
“Eu formuleino na campaña e foi o que lle dixen ao presidente da Xunta (Alberto Núñez Feijóo) na entrevista que tiven. A partir de aí, arrancamos. Certo, perdéronse catro anos, pero ben está o que ben remata, pero neste momento temos unha das grandes áreas de Europa e iso é o mellor que pode suceder en Vigo e en Galicia”, concluíu.











