Noriega pide depurar responsabilidades tras anos de empregar a política contra as vítimas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, esixiu “depurar” responsabilidades polo accidente de Angrois, pois “a maiores” das “individuais”, “tamén as hai colectivas”, tras coñecerse o informe de Bruxelas que conclúe que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) non foi independente.

A preguntas da prensa este venres remarcou que o informe da Axencia Ferroviaria Europea “transparenta” o que “moitos” levaban tempo denunciando, que é que en Angrois “a maiores das responsabilidades individuais existiron responsabilidades colectivas” e “estas nunca chegaron a ser asumidas, tanto no proceso de investigación feito, como logo na suposta asunción desas responsabilidades”.

“Hoxe escoitei ao presidente da Xunta dicindo que non se pode mesturar política coas vítimas, pero o que non se pode mesturar é política contra as vítimas”. “O que se fixo nestes últimos anos é empregar a política contra as vítimas”, arremeteu o alcalde de Santiago contra Alberto Núñez Feijóo.

Así, considera que o informe “pon luz ás evidencias de algo que a día de hoxe está sen pechar como unha ferida aberta”, pois “a maiores das responsabilidades individuais tamén as hai colectivas”.

De tal forma, pide que se deixe o argumento simplista” de que o sinistro “unicamente foi reponsabilidade dun erro humano”, porque “se existiran os mecanismos de seguridade” por “moito” erro humano o accidente “nunca ocorrería”.

“Moitas das persoas con competencias directas seguen ocupando postos de máxima responsabilidade e iso non pode ser, non é aceptable”, sentencia o rexedor compostelán.

8 de xullo de 2016 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.