Monterroso e Outes acollerán a programación do ‘FalaRedes’ na fin de semana
O sábado e o domingo a Consellería de Cultura e Educación levará ata os concellos de Monterroso e Outes as propostas de dinamización lingüística do programa ‘FalaRedes’, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Os protagonistas das dúas funcións serán Os Bolechas que, a menos dun mes do inicio das Olimpíadas 2016, seguen a espallar o espírito olímpico pola xeografía galega.
A primeira das citas da familia animada máis famosa de Galicia terá lugar este sábado, día 9 de xullo, no municipio lugués de Monterroso, no que Carlos, Sonia, Braulio, Pili, Loli, Tatá e o seu inseparable Chispa se darán cita coa cativada no salón de actos do Espazo Cultural ás 19:00 horas. Xa o domingo, a función poderá gozarse na Casa da Cultura de Outes ás 20:00 horas.
O espectáculo ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ está pensado para gozar en familia a partir dun tema de plena actualidade, xa que en breve, a comezos de agosto, inícianse no Brasil os Xogos Olímpicos 2016. Neste contexto, os seis famosos irmáns creados por Pepe Carreiro requirirán a axuda dos rapaces e rapazas asistentes para superaren unha serie de probas e, deste xeito, venceren o seu antagonista Romualdo. Se, co apoio do público, o conseguen, terán garantido o seu pase para as Olimpíadas de Río 2016.
A participación que busca esta proposta non se limita ao día do espectáculo, pois ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ ten continuidade a través das TIC, no web www.osbolechas.gal/olimpiadas .
Derradeiras citas: Tui e Melide
Nas vindeiras dúas fins de semana a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrece as derradeiras citas con este novo espectáculo protagonizado polos Bolechas que puxo a andar en exclusiva en 31 concellos da RDL desde o mes de maio.
Así, ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ emprazará ao seu público máis fiel nos concellos de Tui e Melide (o venres 15 na Biblioteca Municipal ás 18:00 horas e o sábado 23 na Casa da Cultura ás 20:30 horas, respectivamente). Coma sempre no ‘FalaRedes’ a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade destes espazos.
‘FalaRedes 2016′
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ desenvolve á súa quinta edición con novas propostas para gozar do lecer en galego que se ofrecen ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. Todas as actividades son gratuítas e o acceso aos recintos é libre ata completar a capacidade.
Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os/as artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.
Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.