publicidade hoxe

Medio Rural destina 100.000 euros ao Concello de Moraña para mantemento de varios camiños municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoraña
A-
A+

A Consellería do Medio Rural destina algo máis de 100.000 euros ao concello pontevedrés de Moraña para ampliar, mellorar ou manter varios camiños de titularidade municipal a través do Plan Marco de Camiños e o Plan de Emerxencias.

A titular deste departamento autonómico, Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, visitou hoxe diversas áreas deste municipio nas que se levarán a cabo as obras. En concreto, este concello vaise beneficiar dunha achega de 49.003 euros a través do Plan marco que se destinarán á pavimentación do vial de Grixo. A estes fondos cómpre engadir outros 59.988,55 euros correspondentes ao Plan de Emerxencias, que terán por finalidade a reposición do firme en varios camiños do concello.

A conselleira destacou a importancia destas achegas para a mellora das infraestruturas municipais e, en especial, para beneficiar aos titulares de explotacións agrogandeiras. Sinalou ademais que estas achegas teñen o obxectivo de mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais.

20 millóns para os concellos galegos

Os concellos galegos estanse a beneficiar este ano dunha achega total de preto de 20 millóns de euros para ampliar, mellorar ou manter os camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria. Son axudas xestionadas pola Xunta correspondentes ao Plan Marco de camiños, cofinanciado nun 75% a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e enmarcadas no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Os criterios de reparto para desenvolver este Plan Marco foron consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Así, os concellos da provincia da Coruña recibirán máis de 6,2 millóns de euros, os de Lugo 5,3 millóns, os de Ourense contarán con preto de 4,5 millóns de euros e os da provincia de Pontevedra con preto de 3,9 millóns de euros.

28 de xullo de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.