publicidade hoxe

Medio Rural destaca a relevancia das axudas para instalacións e equipamentos en réxime asociativo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaParadela
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, defendeu esta mañá a importancia da orde de axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo de cara á redución de custos de produción para os gandeiros. “A través destas subvencións as cooperativas e as Sociedades Agrarias de Transformación (SAT) poden mellorar as súas explotacións e incrementar a produtividade”, sinalou Vázquez.

A conselleira fixo estas declaracións durante a visita á cooperativa Leira, que agrupa arredor de 270 socios con explotacións gandeiras de Paradela e Saviñao e doutros municipios do sur lucense, como Sarria e Bóveda. Dedicada á produción de vacún de carne e leite, foi beneficiaria destas achegas en anos anteriores, o que lles permitiu mellorar as súas instalacións.

“Estas axudas contan co maior orzamento dos últimos dez anos, 4 millóns de euros”, indicou a titular de Medio Rural, e están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020. O prazo de solicitude xa está aberto e é dun mes.

A cooperativa Leira, xurdida en 2006 da fusión doutras dúas, obtivo nos últimos anos este tipo de axudas por valor de 80.948 para mellorar a súa maquinaria, o que supuxo un investimento total de 475.142 euros. Neste senso, Ángeles Vázquez valorou a aposta desta cooperativa pola modernización, “o camiño que lles garante ter futuro”. A conselleira engadiu tamén que é precisamente a través do “redimensionamento e mellora das explotacións agrarias como se fomenta o desenvolvemento do rural”.

Condicións das axudas

O importe destas achegas será do 40% dos custos elixibles e poderá incrementarse ata un máximo do 70%, segundo as características do proxecto, sendo o máximo 500.000 euros por explotación integrada. Ademais de nova maquinaria e instalacións, tamén son subvencionables a compra de terreos e os gastos derivados da redacción de proxectos que se requiran.

26 de xullo de 2016 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.