Medio Ambiente organiza unha xornada sobre a paisaxe construída o 27 de xullo en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organizará o próximo 27 de xullo en Santiago de Compostela unha xornada baixo o título “A paisaxe construída, como un espazo vivo que transmite o que somos”, co obxectivo de compartir e impulsar modelos de protección e xestión responsable da paisaxe construída.

A xornada está dirixida principalmente a estudantes e profesionais que interveñen na transformación do territorio. Así, están convocados á mesma profesionais que interveñen na paisaxe como arquitectos, aparelladores, enxeñeiros e paisaxistas e os equipos redactores de planeamento, así como estudantes da Escola Técnica Superior de Arquitectura e da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña; e técnicos municipais e doutras administracións.

O primeiro diálogo será entre os arquitectos David Chipperfield e Antonio Maroño, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, que incidirán no papel clave que xoga a xestión e protección do medio ambiente como principal valor dun destino. O arquitecto inglés exporá as conclusións dun workshop impulsado polo seu propio estudo e realizado en colaboración con estudantes das Escolas Técnicas Superiores de Arquitectura da Coruña e Barcelona sobre as potencialidades medio ambientais do norte da Ría de Arousa.

No segundo dos bloques intervirán Luis Andrés Orive, director do Centro de estudos ambientais do concello de Vitoria-Gasteiz e Isabel Aguirre, directora da Escola galega da paisaxe. Como impulsor hai 25 anos do anel verde, Orive trasladará como este sistema ecolóxico formado polos montes e ríos de Vitoria-Gasteiz ten capacidade para controlar as inundacións, actúa como sumidoiro de carbono, produce osixeno e é un espazo de esparcemento, pero tamén un espazo identitario para todos os veciños, cuxo modelo traspasou fronteiras.

21 de xullo de 2016 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.