publicidade hoxe

Medio Ambiente investirá 60.000 euros no acondicionamento do contorno da casa consistorial de Oia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOia
A-
A+
Beatriz Mato asina convenio coa alcaldesa de Oia

Beatriz Mato asina convenio coa alcaldesa de Oia

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá preto de 60.000 euros en acondicionar o contorno da casa consistorial de Oia, tal e como se recolle no convenio asinado hoxe entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e a alcaldesa da localidade, Cristina Correa.

O obxectivo dos traballos será remodelar os espazos circundantes á casa consistorial. Para conseguilo, procederase a un novo axardinamento e ordenación da zona, que conforma un miradoiro sobre o mosteiro de Oia e o océano Atlántico, co fin de que os veciños poidan usalo en condicións de seguridade e accesibilidade.

Ao mesmo tempo, mellorarase a estética das beirarrúas próximas e axeitaranse ao contorno do monumento, así como ás condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. Ademais, procederase ao saneado e limpeza da praza situada á esquerda da casa do concello.

Por outra banda, no espazo posterior e á dereita da praza, incorporarase unha varanda de aceiro galvanizado para mellorar a seguridade da balaustrada existente.

A finalidade última destas actuacións é favorecer o tránsito e e a mellora da accesibilidade ao regularizar o pavimento, o axardinamento e a seguridade, de xeito que o espazo poida usarse como miradoiro con todas as garantías.

Plan Hurbe

Este investimento inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

22 de xullo de 2016 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.