Martiño Noriega valora o efecto positivo do manifesto de alcaldes das mareas
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, sinalou que o efecto do manifesto deste martes foi “positivo” entre “todos os axentes” que forman parte das mareas, un proceso no que os rexedores toman parte polo seu “capital simbólico” pero do que se “autoexcluiron” das candidaturas.
Os tres alcaldes das mareas que gobernan nas cidades -Jorge Suárez (Ferrol), Xulio Ferreiro (A Coruña) e o propio Noriega- fixeron este martes público un manifesto conxunto no que apelaron á unidade dos axentes políticos e sociais para conformar unha “alternativa” para as eleccións autonómicas deste outono.
Un día despois de dar este paso á fronte os alcaldes, e a preguntas dos medios na presentación dunha exposición, Martiño Noriega lembrou que pronto se iniciará unha “rolda de contactos” coa que os rexedores queren convocar a todos os axentes implicados na confluencia e que ten como obxectivo poder convocar un “gran acto” durante este mesmo mes de xullo para “poder debater” os calendarios, o programa e a metodoloxía para as eleccións autonómicas de outono.
Martiño Noriega tamén sinalou a “necesidade” de “dar pasos adiante” que “clarifiquen” a folla de ruta para os comicios. Ademais, sinalou que o seu “único interese” é que o proxecto político “avance” e que a confluencia poida “disputarlle as eleccións” autonómicas ao PP e formar un goberno “consistente”.
O manifesto conxunto dos alcaldes, remarcou, busca “dar unha imaxe” conxunta da candidatura da marea e “non de partes”. Así, indicou que os alcaldes das mareas, queren “pór o seu capital simbólico a favor do proceso” e asegurou que “moitísima xente” espera que sexa un candidato da marea o que presida a Xunta tras as eleccións.











