Martiño Noriega a Podemos: “Se alguén se move na foto, perde o que se move e o proceso”
O covoceiro de Anova e alcalde de Santiago, Martiño Noriega, avisou a Podemos Galicia, en relación á confluencia de cara ás próximas eleccións autonómicas, de que “sempre” dixo que “se alguén se movía na foto perdía quen se movía e o proceso” tamén no seu conxunto”.
A preguntas da prensa sobre a postura dun grupo de críticos de Podemos Galicia contrario a ir á asemblea que impulsan os alcaldes das mareas para este sábado en Vigo e a unha candidatura unitaria, Noriega afirmou que esa cuestión “forma parte da organización de Podemos e só queda “respectar os tempos”, co desexo de que esta formación asista ao encontro do día 30.
O venres, Podemos Galicia celebra a súa asemblea autonómica presencial na que se debaterá sobre as opcións de como concorrer ás eleccións autonómicas, se na confluencia de En Marea ou en solitario.
Cuestionado sobre as consecuencias de que Podemos Galicia decida non concorrer en confluencia coas mareas, Noriega dixo que non entra a valorar “hipótese”, pero avisa de que “é un momento histórico” e “hai que estar á altura das circunstancias” en pro dun “proxecto político que estea en disposición de disputarlle ao PP a Xunta”. “A xente o que espera é que non se dean pasos atrás”, sentenza.
Así, recordou que o proceso de confluencia “se leva aumentando dende o ano 2012” e confía en que se “vaian sumando cada vez máis axentes”, xa que é “consciente da súa complexidade”, pero “dá unha medida do seu potencial”.
Ao respecto, deixa claro que “o espazo de confluencia é o que lle pode disputar ao PP a Xunta”, o que “agardan os centos de miles de galegos e galegas que levan apoiando ese espazo de xeito importante” nos últimos anos.
“NON SE PODE CONFUNDIR A XENEROSIDADE” CON SUBMISIÓN”
Preguntado sobre se as mareas están dispostas a incluír o nome de Podemos na candidatura, Noriega resolveu que “calquera valoración respecto a iso lle corresponderá á xente que participe o sábado”, de maneira que aposta por tomar decisións de “forma colectiva”.
Tamén cuestionado acerca de ata qué punto cre que as mareas deben facer concesións a Podemos no caso de que poña condicións para acudir en confluencia, Noriega sostén que no proceso dende 2012 “todo o mundo cedeu” e se traballou mediante “a xenerosidade”.
Nesta liña, considera que esta debe ser “a guía da situación”, pero “non se pode confundir a xenerosidade” con submisión”, e, “en todo caso, a xenerosidade tense que practicar por todas as partes”. Con todo, remarca que “todo o mundo foi xeneroso estes anos”, por espérao que así continúe.
LUIS VILLARES
Despois do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, pronunciárase sobre que ve ao maxistrado Luis Villares como un grande candidato para as autonómicas, Noriega eludiu pronunciarse sobre esta posibilidade.
“Para min o mellor candidato é que decidan os homes e mulleres o día 30 e o proceso de primarias, nós levamos facendo unha aposta por que haxa un candidato de consenso e sabemos que hai diferentes perfís que poden suscitar ese consenso”, limitouse a contestar. “Non fixen ningunha valoración sobre os candidatos ou candidatas e non o vou facer a tres días do acto do sábado”, agregou.
Finalmente, a preguntas da prensa sobre a disxuntiva que defende Alberto Núñez Feijóo de que ou gaña el ou o “caos”, Noriega sinala que “cando o PP establece ese dilema o que non está a recoñecer é que o verdadeiro caos son as súas políticas”, a través de Feijóo na Xunta e un Partido Popular que “acaba de ser imputado por financiamento ilegal”, “é a primeira vez na historia no conxunto do Estado que iso acontece”.











