Máis dun milleiro de persoas participaron nas actividades medioambientais da Deputación de Lugo
Nesta primeira metade de ano, 985 persoas de todas as idades participaron de xeito gratuíto nas 42 actividades lúdicas e medioambientais que ofreceu a Deputación d a través do Centro de Interpretación Terras do Miño. A esta cifra hai que engadir os asistentes á programación posta en marcha polo organismo provincial para conmemorar o décimo aniversario da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses: un total de 140 persoas, que xa puideron gozar de sete obradoiros e conferencias celebradas nos concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna.
Entre as actividades con maior afluencia ata o de agora no centro situado á beira do Río Rato atópanse as conferencias de Julián Alonso (Micoloxía. Cantharellus e outras Cantareláceas no contorno de Lugo) e Javier Pereira (Espazos protexidos da provincia de Lugo), os obradoiros A Lúa e a súa influencia nos cultivos, Preparación de tratamentos fitosanitarios ecolóxicos, e As plantas:usos medicinais e fitosanitarios, así como unha saída ao campo para a recollida simbólica de lixo que tivo lugar o pasado mes de abril.
Por outra banda, os eventos programados nos tres concellos que integran o espazo natural dos Ancares recoñecido pola UNESCO: Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá, espertaron un grande interese, destacando os obradoiros de elaboración de cervexa artesá, o de elaboración de produtos cosméticos con ceras e o de elaboración de bebidas vexetais, xunto coa xornada sobre enfermidades en árbores froiteiras (maceiras e castaños) celebrada en Cervantes.











