publicidade hoxe

Luz verde aos primeiros 34 quilómetros da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña en Culleredo, Cambre e Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCambreCulleredoLocal PortadaOleiros
A-
A+

O pleno da Deputación da Coruña, que terá lugar o vindeiro 29 de xullo, aprobará os convenios cos concellos de Culleredo, Cambre e Oleiros para a execución das obras da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña.

Estes tres primeiros convenios, aprobados onte na comisión de Contratación, Patrimonio e Equipamento, suporán achegas provinciais por importe de 1.533.504 euros para a execución dun total de 34,30 quilómetros de carril bici dos 78 cos que contará este itinerario, que tamén discorrerá polos concellos de Arteixo e A Coruña, e que suporá un investimento global de 3,6 millóns de euros financiados ao 100% pola Deputación da Coruña. Os concellos, pola súa banda, encargaranse da posta a disposición dos terreos, da contratación dos traballos, así como da súa posterior conservación.

As obras consitirán na reordenación de espazos e usos, construción e reafirmado da plataforma ciclista, e sinalización dos itinerarios e dos principais puntos de interese do percorrido. O obxectivo, segundo explicou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, é “mellorar algúns traxectos xa existentes de carril bici, conectalos entre sí e crear novos tramos para facer un itinerario único, logrando unha gran rede ciclista de ámbito comarcal”.

A construción da Rede Ciclista Metropolitana suporá un investimento de 218.599,76 euros en Cambre, 257.389, 55 en Culleredo e 1.057.514,69 euros en Oleiros, aos que próximamente se sumarán os de A Coruña (1.195.728,22 euros) e Arteixo (895.767,78 euros), para completar un itinerario ciclista de ámbito comarcal que posibilitará percorrer o litoral dende as praias de Barrañán (Arteixo) ata as de Mera (Oleiros) ou dende a presa de Cecebre ata a desembocadura do río Mero, na ría do Burgo, dende onde conectará coa ponte da Pasaxe e o Parque Municipal de San Diego, na Coruña.

Culleredo

O proxecto de Culleredo contempla a interconexión das vías ciclistas existentes (Paseo litoral de Culleredo – 4 Km- e paseo Enrique Tierno Galván -0,50 Km.). Acondicionaránse espazos xa urbanizados e sinalizaranse as pasarelas e pontes para o cruce da vía do ferrocarril.

O itinerario discorrerá polo paseo litoral de Culleredo, o paseo Enrique Tierno Galván e paseo de Rego da Trabe. Reurbanizaranse 120 metros de beirarrúas e levarase a cabo a sinalización horizontal e vertical en todo o traxecto.

Na avenida de Ribado amplíase a sección da beirarrúa e no espazo non urbanizado executarase unha explanada de 2,50 m. de ancho con bordillos de formigón.

Para a interconexión de vías ciclistas entre o paseo litoral de Culleredo e a senda fluvial do rio Mero, acondicionaranse espazos xa urbanizados e sinalizaranse pasarelas e pontes para o cruce do río Mero, resultando unha interconexión ciclista de aproximadamente 1,4 Km. de lonxitude. Tamén se acondicionará a pista fluvial do río Mero cunha baranda de peche.

A Deputación da Coruña financiará o 100% das obras, valoradas en 257.389,55 €.

Cambre

En Cambre, levarase a cabo o acondicionamento da senda fluvial do río Mero, cunha lonxitude de 16,7 quilómetros. Realizaranse obras de mellora de explanadas e pavimentación, así como a sinalización vertical e horizontal do itinerario. O orzamento ascende a 218.599, 76 €.

Oleiros

O itinerario oleirense irá dende a Ría do Burgo ata Mera, pasando polos núcleos costeiros de Santa Cristina, Bastiagueiro, Santa Cruz e Mera, resolvendo discontinuidades de beirarrúas/carril bici existente, e reforzando a súa seguridade vial.

Os tramos da Rede Ciclista Metropolitana en Oleiros, cunha lonxitude total de 11,9 quilómetros, son os seguintes:
Paseo Marítimo do Burgo (1.350 m.)
Urbanización Beiramar – AC 173 PK 1,100 (Glorieta do Ché) 2.210 m.
AC-173 (PK 3,040)-AC 173 (PK 4,280) 1.240 m.
AC 173 (PK 4,280) – AC173 (PK 6,900) (2.600 m. de la AC 173)
AC 173 (PK 6,900) – AC 173 (PK 9,400) (2.000 m. na marxe dereita e 2500 m. na esquerda)

Ao longo deste percorrido instalarase nova sinalización vertical e horizontal, así como mobiliario urbán e aparcabicis. Santa Cristina contará cunha plataforma de formigón para bicicletas fronte á praia.

No tramo de Bastiagueiro a trazada paralela á AC-173, que actualmente ten quebros, alinearase de forma recta e paralela ao vial autonómico con arcén, parterre e beirarrúa/carril bici, segregados de diferenciados con marcas viais. Tamén se plantarán árbores no percorrido.

No resto das zonas comprendidas neste proxecto faranse as obras de: instalación de novo firme e pavemento e sistema de drenaxe, sinalizacións horizontais e verticais, axardinamento e instalación de novo mobiliario urbán, dacordo coas necesidades de cada punto por onde discurra o vial ciclista.

A Deputación achega 1.057.514,69 € , que supón o 100% das obras.

Os prazos de execución, unha vez realizada a licitación e contratación das obras, será de dous meses para os concellos de Culleredo e Cambre e de seis meses no caso de Oleiros

21 de xullo de 2016 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.