López Abella explica a colectivos de mulleres as novas axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentaron esta mañá as axudas do programa Emega a responsables de asociacións de mulleres, asociacións de empresarias e representantes dos CIMs (Centros de Información á Muller) da área de influencia de Vigo.

O motivo da presentación foi a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución que establece as bases reguladoras para a concesión de axudas do programa Emega, destinadas ao fomento do emprendemento feminino, promoción do emprego e novas formas de organización do traballo que axuden a conciliación da vida persoal e laboral. O programa Emega é un programa de estímulo ás mulleres emprendedoras, apoiándoas mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se establezan como empresarias e deste xeito acaden a súa propia promoción e contribúan á creación de postos de traballo. O Goberno galego leva investido máis de catro millóns de euros neste programa dende o ano 2009, o que permitiu crear preto de 500 postos de traballo en Galicia.

Con estas axudas, dende a Xunta preténdese establecer medidas de fomento ás iniciativas empresariais promovidas por mulleres e que pretenden a promoción do autoemprego constituídas en actuacións eficaces para a xeración de emprego, repercutindo tamén na redución da taxa de paro feminino, que certamente segue sendo máis elevada que a dos homes, e favorecendo a desaparición das diferenzas existentes aínda entre o número de emprendedores, moito máis elevado, e o de emprendedoras.

Para lograr os seus obxectivos, o programa Emega porase en marcha a través de cinco liñas de actuación específicas. Así, a liña “Emprende” estará destinada a posta en marcha de novas empresas, a liña “Innova” para a promoción de melloras en empresas lideradas por mulleres, “Activa”, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais, a liña “ITEF”, que se centra na axuda para a posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica).

Por outra banda, están deseñadas dúas modalidades de axudas complementarias ás liñas descritas anteriormente, a primeira, a modalidade “Concilia”, un programa de apoio a conciliación da vida laboral e, a segunda, a modalidade “Dual” para apoiar a participación das promotoras no programa de titorización, co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro desta convocatoria.

Para as axudas desta convocatoria -cofinanciadas con Fondos FSE- destinarase un orzamento de 1.338.100 euros.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias deste tipo de axudas as empresas ou proxectos empresariais formados por mulleres que teñan domicilio social e establecemento de produción en Galicia, que non pertenzan o sector público nin sexan entidades sen ánimo de lucro.

Ademais, valoraranse entre outros criterios a calidade do proxecto, a contribución á integración laboral de mulleres en paro, con algún tipo de discapacidade ou outro tipo de situación especial ou risco de exclusión social.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante un mes, contando a partir da publicación desta resolución no DOG o venres 1 de xullo. Dita presentación poderá realizarse por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es

11 de xullo de 2016 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.