Lee Fields, Martha High e The Pretty Things encabezan o VI Outono Códax Festival en Santiago
O Outono Códax Festival, que cada ano trae a Compostela a flor e nata internacional do blues e a música negra, chega á súa sexta edición presentando un cartel coroado por lendas vivas do soul ou do rock&roll como Lee Fields, Martha High ou The Pretty Things.
A Sala Capitol será o escenario central deste ciclo de concertos que traerá o mellor desta música á capital galega ao longo de tres fins de semana entre o 7 de outubro e o 12 de novembro. A ela úneselle un emprazamento de nova apertura, a Sala Riquela, que se lle une como espazo complementario no centro do casco antigo.
O venres 7 de outubro, a Capitol acollerá a primeira das citas do Festival. A banda galega The Hellbuckers abrirá a noite con clásicos do soul dos 50 e 60 adaptados a un son de alta voltaxe cargada de forza e emoción.
Eles serán o aperitivo que dará paso a Lee Fields and The Expressions, un dos protagonistas do rexurdimento do blues contemporáneo e unha lenda viva do xénero que tivo un recoñecemento tardío, a pesar de estar en activo desde o 69. Por iso, os seus traballos dos anos 70 convertéronse nun obxecto de culto para os coleccionistas.
Ao día seguinte, os cataláns Wax&Booggie levarán a súa mestura de rhythm&blues, boogie woogie e rock&roll á Sala Riquela, unha das bandas “máis valoradas” no panorama estatal.
O 28 de outubro, retómanse os concertos principais con Trash-Tornados nesta mesma sala, unha banda que se caracteriza por un son potente que pasa polo swing, o rockabilly e mesmo polo punk, con exmembros de Los Coronados, Cynics ou Dr. Explosion.
Ese fin de semana péchase o sábado con Martha High and Band, cantante que acompañou a James Brown desde 1964 e que obtivo o seu recoñecemento tras participar na xira do saxofonista Maceo Parker, en 1995. A cita complétase cos sicilianos Virginia Brown and The Shameless e a súa mestura de ritmos afrocubanos, mambo, rumba e rhythm&blues.
O trío de blues Andhrea and the Black Cats será outra das formacións galegas que participan no evento, formación consolidada dentro do circuíto estatal que actuará o 11 de novembro en Sala Riquela.
THE PRETTY THINGS
Finalmente, Luke Winslow King, unha das voces máis respectadas do son Nova Orleans, dará paso a The Pretty Things o 12 de novembro na Sala Capitol.
The Pretty Things consagrouse como unha das bandas de rock máis importantes de todos os tempos, liderada por Phil May e Dick Taylor, membro fundador dos Rolling Stones que abandonou a Jagger e Richards buscando “sons máis salvaxes”.
Esta banda foi encomiada e unha recoñecida influencia de nomes como Van Morrison, David Bowie ou Pink Floyd, entre moitos outros.
ACTIVIDADES PARALELAS
Os concertos principais veranse acompañados polas sesións ‘out’, actuacións gratuítas na rúa, a exposición ‘Rocker’ de Antonio Alay na Fundación Granel e as allnighters (pinchadas ao final de cada concerto).
As entradas individuais serán de 20 euros anticipada e 24 en despacho de billetes na Capitol, e de 4 euros na Riquela. Os abonos ascenden a 40 euros até o 31 de agosto e a 48 a partir do 1 de setembro.
Así mesmo, os que realicen consumicións e compras nalgún dos 100 establecementos que colaboran co festival poderán obter un ‘Rock’nporte’ que lles dará acceso gratuíto a concertos. O evento está organizado por Raíña Productions, A Reixa, Pousadas de Compostela e Martín Códax.











