publicidade hoxe

Jorge Suárez enmarca o paso dos alcaldes das mareas na idea de aliviar tensións internas de En Marea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, enmarcou o paso adiante que decidiron dar os tres rexedores das mareas das cidades na necesidade de “aliviar tensións” internas na coalición de En Marea e “crer todos, máis aló das palabras, na unidade”.

“Levamos unhas semanas despois dos resultados das xerais tendo contactos entre alcaldes, organizacións, como xa dixen algunha vez, é o momento de enterrar a machada de guerra, tampouco é que houbese unha guerra moi cruenta, pero non había unha relación pacífica entre as partes”, explicou, en declaracións aos medios, o rexedor ferrolán.

Os alcaldes de Ferrol, A Coruña, Xulio Ferreiro, e Santiago, Martiño Noriega, comparecen este martes para facer un chamamento á unidade”, como ratificou o propio Jorge Suárez na rolda de prensa sobre asuntos locais da mañá desta xornada, a preguntas dos medios. Respecto diso, lembrou que tanto en Ferrol en Común, como en Marea Atlántica e en Compostela Aberta hai unha “pluralidade de forzas”, con xente de Esquerda Unida, Anova e Podemos, e que neste marco tamén se encadra a acción conxunta dos alcaldes.

“Creemos que necesitamos dar este impulso de cara a converter en realidade a aspiración que temos, que é que a unidade popular tome o poder da Xunta de Galicia e, para iso, necesitamos que sexa completa e real”, salientou.

Na súa intervención tamén foi interpelado polo portavoz nacional de Anova e veterano político, Xosé Manuel Beiras, de quen destacou o “papel claro” que xogou na “configuración da esquerda plural e nacionalista”. Así, e tras asegurar que descoñece as súas intencións e afirmar que “hai máis unidade” entre eles do que se transmite (en alusión á candidatura), sentenciou que Beiras, “se quere xogar un papel, será o que el determine, como calquera persoa que queira estar no proceso”.

5 de xullo de 2016 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.